Citroën ofrécelle diñeiro aos traballadores despedidos, mais non a readmisión

A empresa de automóbil propúxolles a Paco e David, unha indemnización de 45 días por ano traballado mais os operarios e a CIG rexeitan a oferta e anuncian mobilizacións.

Paco e David _Ikerman Iker
photo_camera Paco e David [Ikerman Iker]

Coa súa proposta a dirección de Citroën recoñece de maneira implícita que se producíu un despedimento improcedente no caso de Paco e David, os dous operarios despedidos por cometeren, din desde a empresa, unha falta grave no proceso de montaxe dos vehículos. 

Nos últimos días, a Citroën ofreceulles aos dous traballadores unha indemnización de 45 días por ano traballado a cambio de dar solución ao conflito xurdido após o seu despedimento. Desde a central sindical nacionalista (CIG) aseguran que tanto David como Paco rexeitaron a proposta de Citroën porque a súa saída da fábrica foi inxustificada. 

Esta foi a primeira achega por parte de Citroën desde que os dous operarios foron despedidos. Até o momento, ningún responsábel da dirección de Citroën contactara con eles. Nen sequer, cando se iniciou unha folga de fame que durou por volta dun mes. Unha acción que tivo por obxecto denunciar a política "represiva" coa que, din, actuou a empresa automobilística após acusar aos dous empregados de teren cometido unha infracción moi grave no desenvolvemento das súas funcións. 

Coa súa oferta de indemnización Citroën recoñece un despedimento improcedente no caso dos dous operarios

Cumpre lembrar que a decisión de Citroën devén dunha protesta levada a cabo por David e Paco logo de que lles fose encomendada unha maior carga de traballo sen a correspondente compensación con máis axuda por parte doutros compañeiros. Neste contexto, os dous operarios decidiron deixar sen marcar --como correspondía-- unha das pezas dos vehículos que, no entanto, explicaba Francisco Alonso en conversa con Sermos Galiza, si comprobaban que fose no lugar correspondente. 

Desde a CIG salientan que nunca antes na historia de Citroën se producira un despedimento en tales circunstancias sendo o procedemento habitual a abertura dun expediente sancionador por falta grave. Porén, aseguran desde a central sindical, "non é casual que a empresa tome este tipo de decisións nun contexto no que está a acelerar os ritmos de traballo e a precarizar as condicións laborais". Aliás, o vindeiro mes de outubro a factoría acollerá eleccións sindicais polo que a medida pode ter por obxecto, afirman desde a CIG, desmobilizar o cadro de persoal, uns 6.000 operarios.

Calendario de mobilizacións

Así, após rexeitaren a proposta de Citroën, a CIG anuncia un novo calendario de mobilizacións coas que demandarán a readmisión de Paco e David. A vindeira segunda feira, 18 de agosto, á unha da tarde, está convocada unha concentración ás portas da factoría de PSA, coincidindo co primeiro día de regreso á actividade tras o parón vacacional.

Ademais, a central sindical vén de convocar outra protesta para o 27 de agosto, nesta ocasión ás portas da planta de PSA Peugeot-Citroën en Madrid, onde está a responsábel de recursos humanos do Grupo a nivel peninsular, á quen a Sección Sindical lle remitiu xa un escrito explicando a situación da factoría de Vigo e reclamando a súa intervención.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios