“Citroën veu por nós porque xamais quixemos agachar a cabeza”

Francisco Alonso é un dos traballadores despedidos por Citroën. Xunto con David foron botados á rúa após detectárense irregularidades na seguridade dos vehículos, segundo a empresa. Desde entón a CIG mantén unha folga de fame indefinida para exixir a súa readmisión. 

Paco e David _Ikerman Iker
photo_camera Francisco Alonso e David nunha mobilización [Imaxe Ikerman Iker]

Francisco amósase certo de que o seu despedimento, e o de David, ten a ver coa proximidade das eleccións sindicais e a que, durante "dezasete anos non baixamos a cabeza".

Como foi o voso despedimento?
Os repartos de traballo en Citroën danos de mes a mes. Nunha folla indícanche o que tes que facer. A metade de mes, o cal é ilegal, a empresa veunos cunha operación nova sobre o paralamas. Tiñamos que montar unha peza a maiores. Falei cos encargados das dúas quendas e indiqueilles que non tiñamos problema para realizar a operación, aínda que o pediran así, mais precisariamos que o posto for reequilibrado con outros compañeiros. Pasaron os días e non obtivemos resposta da empresa. Entón, falamos o meu compañeiro David [o outro despedido] e máis eu e decidimos que, xa que o posto non ía ser reequilibrado, o control visual que tiñamos que facer sobre a peza de seguridade iamos facelo, mais, durante un par de días, non o iamos marcar cun rotulador. Sempre lle dixemos á empresa que os coches non levaban ningún defecto de seguridade. Após o descubriren, aos dous días, comezamos a facer o choio enteiro. Agardabamos unha sanción porque sabiamos perfectamente que deixar de facer todo o traballo é o que conleva. 

"Sempre lle dixemos á empresa que os coches non levaban ningún defecto de seguridade"

Mais fostes despedidos...
O regulamento interno de Citroën pon que se o obreiro se retracta do feito a sanción non será ningunha ou será mínima. De ser grave agardabamos que fosen 20 días [de sanción] ou até 60 días, que nos parecía moi duro. Tivéronnos 40 días agardando até que nos comunicaron o despedimento disciplinario. 

Cales son as condicións de traballo nunha cadea de montaxe como a de Citroën?
Nos postos de traballo os obreiros non poden nen respirar. Se bebes un grolo de auga xa atrasas o posto, tes que volver a correr. As condicións son bastante estresantes. Cando estás nun posto de traballo destas características tes que ter un cento por cento de concentración, pois Citroën exíxeche cero defectos ao longo da túa xornada laboral. No reparto de traballo ponche que tes que montar 5 parafusos, 7 grampas... unha montaxe coma esta está cronometrada en cada centésima de segundo. De feito, ultimamente non se pode nen sequera tomar unha peza de froita no posto, se queres ter unha botella de auga tes que a pór onde eles che din e non podes desprazarte. É unha barbaridade a escravitude que hai agora mesmo nesa empresa. 

"Nos postos de traballo os obeiros non poden nen respirar"

A sección sindical decidiu iniciar unha folga de fame. Como valorades esta acción?
Estamos realmente abraiados. Non é que non agardaramos esta resposta por parte da CIG, mais cremos que é fortísimo. É unha cousa moi grave, un despedimento, mais é sorprendente o que están a facer. Tanto David coma min estamos moi satisfeitos con este xesto. 

Estanvos a chegar numerosas mostras de apoio doutras organizacións sindicais, mesmo fóra de Galiza, tamén doutros colectivos como o comité de folga de Urbaser...
Dígoche unha cousa, todo isto busca que Citroën se sinta incómoda e estámolo a conseguir pois a xente comeza a saber o que acontece na factoría. Canto máis lonxe cheguen as novas, moito mellor. 

Credes que ten algo a ver co conflito a proximidade das eleccións sindicais en PSA-Citroën?
Imos ver, a política está presente en todos os niveis da sociedade. Neste caso, como as eleccións son en outubro, isto é unha loita diaria. Citroën agora mesmo non quere dar un paso adiante nas negociacións que nós ansiamos. Primeiro porque non quere retractarse e quedar mal diante dos traballadores, e despois porque queren dilatar a situación habida conta da chegada das vacacións á fábrica. 

"A política está presente en todos os niveis da sociedade. Como as eleccións son en outubro, isto é unha loita diaria"

Cal é o sentir do persoal da factoría?
A verdade é que a solidariedade en canto aos compañeiros brilla pola súa ausencia. Citroën está conseguindo o que quere, que os traballadores teñan medo. Se te ergues danche unha labazada e se te volves erguer vólvenche dar outra. Ese é o problema. Nós non quixemos xamais agachar a cabeza, por iso Citroën cremos que veu por nós, directamente, porque levamos 17 anos e seguimos mantendo a dignidade. Iso é o que a Citroën lle fode, que manteñas a dignidade. Estamos bastante descontentos porque se ben xuntamos un grupo de 60 ou 70 persoas diante da fábrica, a maioría non son da fábrica. E xente da CIG, do Bloque... algún compañeiro párase alí á saída, mais tendo en conta que en cada quenda entran 3.000 traballadores, deberiamos ser moitos máis. Non se dan conta que seguindo esa política. 

Nos últimos anos tense falado moito de que a “vella política” está acabada e con ela tamén as organización sindicais...
Precisamente as mobilizacións polo noso conflito é para min o compañeiro David, un rexurdir do sindicalismo. Ultimamente o sindicalismo estaba como un pouco durmido. Falo da experiencia de Citroën que é a que coñezo. Tamén polas medidas do goberno. Tamén, o que padecemos nesta fábrica, igual que noutras de grandes dimensións, é que sindicatos chamados roxos, como poden ser UGT e CC.OO. Se es dun sindicato amarelo polo menos dis que o es e que vas coa empresa. Mais CC.OO e UGT dan pena pois están completamente submisos ao que di a dirección. Se ao final non conseguimos que nos readmitan, polo menos teremos a satisfacción de que fique ese ese pouso. 

Comentarios