O Caderno de Agosto debrúzase sobre a gastronomía galega

O caderniño de verán de Sermos viaxa a algún dos mellores lugares, da xeografía física e tamén na rede, da gastronomía galega. 

Cando "fai un sol de carallo", Galiza é máis caníbal ca nunca. Ven o dicían Os resentidos. Como esta é época de grandes paparotas, en Sermos dicimos viaxar por algún dos lugares máis destacados da nosa gastronomía. Falamos con Pepe Solla, cociñeiro do innovador grupo Nove que comezou a despuntar a principios da década pasada, e tamén con Lucia Freitas, representante dunha xeración xa posterior, agora na vintena ou comezando a trintena, con gran formación e talento aos fogóns mais cunha oferta máis asequíbel dada a crise. Ademais, facemos un itinerario por varios dos máis destacados blogues en galego e sobre cociña galega da rede. Xornalistas gastronómicos como Manolo Gago ou blogueiras de éxito no mundo das receitas atenderon a nosa chamada.

Xurxo Souto fala de Xosefa de Bastavales

Xurxo Souto dedícalle a súa sección "Somos un pobo de artistas" a Xosefa de Bastavales, unha artista que nunca chegou a gravar mais que compartiu escenario con Manu Chao en Lyon e palabra con Compay Segundo e Cesária Évora,´e que é en si toda unha representante da arte de tantas mulleres, cantadoras e bailadoras que, xeración tras xeración, fixeron de Galiza un pobo de artistas.

Entrevista a Berta Dávila

O obxectivo das preguntas de Rodri Suárez, xornalista e coordinador deste suplemento, foi nesta ocasión a escritora Berta Dávila. "As relecturas son para o verán, como as bicicletas", dinos, pois, segundo nos confesa, para ela o estío non é época de escrita senón de revisión do feito.

Novas entregas do relato erótico e do serial de Xabier P. Docampo

Proseguimos con novas entregas dos relatos eróticos de Pepe de Pura e do serial de intriga inédito de Xabier P. Docampo. Pepe de Pura recrea experiencias homoeróticas en ambientes de cruissing. O relato de Docampo vai coa tensión in crescendo: resistirá a alcaldesa as presións do empresario? Sairá á luz a estrume de corrupción que asenta no concello?

O recuncho de Ignacio Villar

A contracapa está protagonizada nesta ocasión por Ignacio Villar, que nos fala do seu recuncho máxico, Os Ancares, escenario das localizacións do seu filme Vilamor.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios