CONTRA A SENTENZA NON CABE RECURSO

O Supremo desestima o recurso de Elnosa para evitar o cese da actividade

O Tribunal Supremo vén de rexeitar o recurso de casación interposto por Elnosa e pola Administración Xeral do Estado para eludir o cese da súa actividade. Así, Costas terá que iniciar o expediente de caducidade en dous meses.

[Imaxe: Pontevedraviva] Elnosa
photo_camera [Imaxe: Pontevedraviva] Elnosa

A Dirección Xeral de Costas ten dous meses para iniciar o expediente de caducidade de Elnosa após rexeitar o Tribunal Supremo o recurso de casación da empresa e da Administración Xeral do Estado.

Nunha sentenza do 20 de novembro de 2015, da que vén de ter coñecemento Salvemos Pontevedra, o colectivo demandante, a Sección Quinta da sala do contencioso-administrativo do Supremo insta a que se paralice “calquera actuación que puidese interferir” no expediente de caducidade de Elnosa até que inicie o proceso Costas.

A sentenza desbota o recurso de Elnosa perante o fallo da Audiencia Nacional de 29 de xaneiro de 2014, un fallo que condenaba a Administración Xeral do Estado á “incoación de expediente de caducidade da concesión e á adopción de todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións que non conten con concesión administrativa e demais autorizacións legalmente esixíbeis”.

“Tendo en conta que Elnosa carece de calquera título habilitante para ocupar e realizar as súas actividades industriais en dominio público marítimo-terrestre, emprazamos o Concello, a Xunta e o Ministerio de Medio Ambiente a que, en cumprimento á sentenza, actúen en consecuencia, procedendo a reparar un despropósito medio ambiental histórico na ría de Pontevedra”, sinala asociación demandante en declaracións recollidas por Pontevedra Viva. Salvemos Pontevedra apunta que a sentenza do Supremo é firme e contra ela non cabe recurso ordinario ningún.

Lores: "Ence e Elnosa ocupan terreos roubados ao mar"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), lembraba hai uns días en declaracións aos medios que tanto Elnosa como Ence ocupan “terreos roubados ao mar” que no Goberno municipal “queremos recuperar”. O alcalde nacionalista pediu que “se respecte” o posicionamento político que defende, máxime cando o pobo votou en maio maioritariamente por partidos que se poñen á continuidade do complexo industrial “e se quixesen mantelo, votarían outros”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra –PSOE e BNG- aprobou recentemente unha declaración institucional contraria ao mantemento do complexo de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra polos graves danos que provoca.

Comentarios