Fundación Luis Seoane
Sandra Cinto “En Silencio” (Instalación)
Datas: 16 Outubro 2014 - 12 Decembro 2014
Comisario: David Barro
O silencio de Sandra
Temos agora a obra da brasileira Sandra Cinto (Santo André, Brasil 1968) na Fundación Luís Seoane da Coruña. É unha boa oportunidade para achegarse ao mundo da instalación da arte contemporánea.
Así como algunhas site-specific amosan case desleixo, semella doado “instalar” algo nun museo, é colocares elementos, non si? A peza desta artista é coherente e dunha maneira sutil transmite a mensaxe do seu título. Hai que escoitares o silencio. Esta inquedanza que propón a artista provén da incapacidade de transmitir, da perda do fío condutor, ou incluso da inspiración. Ao entrares na sala onde está exposta a obra, veñen enriba de nós miles de papeis engurrados, coma os que podemos botar ao refugallo por inservíbeis. Sandra “recolleu” estes papeis e fixo unhas montañas con eles que constitúen o corpo da obra de arte.
É unha analoxía entre o pensamento do artista e as mil probas que fai no seu silencio no estudio. Se miramos máis de perto, achegados ás montañas, descubrimos que cada papel ten na realidade cinco liñas e que son follas de partituras. Cada partitura posúe un debuxo. No centro da estancia, unha mesa, cunha lus espida. Foi alí onde a artista mais os seus axudantes debuxaron e arrancaron tódalas partituras? Agora decatámonos do terceiro elemento da instalación: un chelo. O instrumento musical ten a simboloxía da creación artística, mais está calado, sen son, e por riba pálpanse as liñas de Sandra.
Cinto: "A folla de papel coma un espazo cheo de posibilidades. Unha reflexión sobre tempo, espazo, e silencio"
A artista brasileira provén do ámbito debuxístico, de inmensurábeis ondas nas paredes, e outro tipo de instalacións acumulativas (Encontro das Águas 2012). Semella que hai nestas últimas épocas unha tendencia á facer no espazo museístico diferentes tipos de acumulacións (por exemplo o Parque Fluvial Abandoado de Lara Almarcegui no Musac, baseado nos materiais ).
Como outros artistas contemporáneos, estas obras interprétanse dende o íntimo mais chegan tamén ao social. A incapacidade de comunicación da artista tamén fala da inquedanza do mundo sumido ás veces, neste caso, nun silencio imposíbel.
A obra de Sandra é unha invitación a non falar por uns intres e apreciar, mellor nos últimos minutos do feche ás 20:00h da Luis Seoane, a lus espida do interior e a negrura do ambiente fóra do museo: a insistencia do artista por crear.
Nas propias verbas de Cinto: A folla de papel coma un espazo cheo de posibilidades. Unha reflexión sobre tempo, espazo, e silencio.