sábado 16/10/21

O IES Pintor Colmeiro de Silleda entrega os II premios 'Videoghit'

Un exercicio didáctico mestura música e audiovisual para promocionar a música galega entre o alumnado. Nesta edición o gañador foi Pedro Gil co tema musical A Granxa de Alexandre dos Ataque Escampe.


Imaxe do video 'Galegando'

No IES Pintor Colmeiro de Silleda levan varios anos promocionando a música galega e o audiovisual entre o alumnado. Primeiro foi co lipdub polo galego realizado en abril de 2010 en que reivindicaban con humor a normalización do uso da lingua galega. O seu traballo chegou a ter máis de 17.000 visualizacións en You Tube. O título deste lipdub, Galegando, buscou a complicidade da canción de Lady Gaga, Alejandro, como tema musical do videoclip. O responsábel deste proxecto e director do centro é Suso Fernández. Sulleiro, tamén puxo en marcha o ano pasado outra idea para que a mocidade se achegue aos grupos de música galegos: o Videoghit. Como exercicio didáctico o alumnado realizou vídeos cunha base musical e imaxe propias. Ao remate entréganse uns premios ao estilo das grandes galas de cine.

O premio especial do Concello de Silleda foi para Ramón Blanco e Esteban de la Fuente por 'Lacón con grelos'

Nesta segunda edición o xurado, Severiano Casalderrey (director do festival Anirmau),  Afonso Leal (coordinador de Queremos galego no Deza) e Rocío García (xornalista), escolleron como mellor traballo o de Pedro Gil co tema musical A Granxa de Alexandre dos Ataque Escampe. Tamén levaron un recoñecemento os videos de Beatriz Espiño (Il mondo va bene), Taia Couso (O fillo do mar), Laura Castiñeiras (Xirarei). Tamén houbo premios á mellor actriz (Rebeca Sesto por Miña terra galega) e ao mellor actor (Luís Balo por Prefiro bailar twist). Por último o premio especial do Concello de Silleda foi para Ramón Blanco e Esteban de la Fuente por Lacón con grelos.

O IES Pintor Colmeiro de Silleda entrega os II premios 'Videoghit'
comentarios