Ferrol Vello exixe solucións perante o abandono do seu conxunto patrimonial

Fiestras fechadas, as rúas baleiras, avenidas desertas, a cidade en ruínas... O barrio de Ferrol Vello podería ser unha metáfora da quebra dunha comarca fortemente atinxida pola falta de emprego. A veciñanza exixe solucións perante a inacción das administracións que lles continúan a virar as costas.

"O que está a acontecer no barrio é un caso ben descritivo da realidade actual", afirman desde a Comisión Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello. Edificios a piques de se derrubar (os que aínda non o fixeron), rúas e espazos públicos fechados, riscos para a seguridade pública... Esta é a situación que atravesa o casco histórico da cidade de Ferrol. Unha realidade da que deu boa conta o derrubamento da casa natal de Carvalho Calero hai apenas uns días. 

A veciñanza organizada arredor da Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello mobilizouse máis unha vez este sábado 8 de marzo para amosar o seu rexeitamento á inacción gobernamental face a quebra dun casco vello en que habitan perto de 500 persoas dun total de 2.500 habitantes dos que abrangue Ferrol Vello. 

A convocatoria advertía á veciñanza que acudira con casco. Unha maneira simbólica de reflectiren o estado de abandono dun Ben de Interese Cultural (BIC) declarado como tal en 2011. "É a única cidade na que se declarou un barrio como conxunto histórico após unha intensa campaña promovida polos veciños", explica Alberte Saavedra, integrante da Comisión cidadá. 

Porén, embora contar con dous recoñecementos patrimoniais que deberan ser sinónimo de coidado, a realidade é outra ben distinta. Sen un Plan especial de rehabilitación e recuperación do Ferrol Vello nen vontade política por parte do Concello ou a Xunta de Galiza para reverter a situación, desde a Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello continúan a demandar das institucións públicas que cesen "nas súas mentiras" e se poñan mans á obra para recuperar o emblemático barrio. Mais tamén, acrecentan, para "dar unha solución" á veciñanza despexada da rúa das Curuxeiras logo de que o mal estado dun solar próximo ás súas vivendas @s obrigara a teren que abandonar as súas moradas. 

"Hai acarón das súas vivendas uns inmóbeis rehabilitados para mozos que están xestionados pola Xunta e que están baleiros"

Alberto non agocha a súa indignación polo despexo destas familias que, aliás, non foron reubicadas. "A administración non fixo nada para axudalos", conta. "Hai acarón das súas vivendas uns inmóbeis rehabilitados para mozos que están xestionados pola Xunta" e que "están baleiros". Mais o que podería ser unha alternativa para as persoas desafiuzadas, non o é. "Os nosos gobernantes non teñen sensibilidade", denuncia. 

Inquirido polas responsabilidades a respeito do que acontece en Ferrol Vello Alberte Saavedra non descarta que tras os derrubamentos e a inacción das administracións non existan "intereses especulativos". Neste senso, asegura que a Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello mesmo chegou a denunciar casos en que se aproveitou a caída dalgunha das casas "para unir medianeiras e facer de dúas, unha soa vivenda" máis nova e luxosa do que as tradicionais. 

"Foron construídas con barro, isto non é formigón, calquera que se diga técnico debera saber que coas inclemencias do tempo o material abranda e pode caer", explica en relación ao acontecido coa morada de Ricardo Carvalho Calero mais que podería ser o tráxico final de calquera outra.

Por este motivo, demandan "un plan de seguridade" na zona mais tamén "un plan especial" de recuperación e rehabilitación do barrio que, asemade, "estea dous meses --e non un-- en período de exposición pública para que quen queira poida presentar alegacións". Para alén disto, recalcan a importancia de "reubicar os veciños e solucionar o problema da rúa Curuxeira" da que din, "o Concello e a Xunta levan dous anos sen facer nada". 

Con estas demandas, arredor de 200 veciñas e veciños de Ferrol Vello concentráronse na Praza Vella o abandono do barrio. Face o índice de participación na convocatoria Alberte Saavedra afirma que é "reflexo da desinformación" dunha veciñanza que descoñece, di, "o valor patrimonial" do espazo que ocupa. Mais tamén, acrecenta, "da mediocridade" dunhas institucións que non fan nada por revertelo pois "preferirían velo caer". 

Imaxes: Comisión cidadá pola recuperación de Ferrol Vello, Urbanicidade

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios