As esquinas abertas

Á esquerda, gran tribuna urbana sobre digno baixo expositor. Á dereita, arriba, dous tipos de esquinas do s. XX e 'vending' actual; abaixo, chafrán-brasón de 1660 e comercial transparente. (Fotos: L. A. / L. A. / L. A. / J.M. Pires / L. A.)
photo_camera Á esquerda, gran tribuna urbana sobre digno baixo expositor. Á dereita, arriba, dous tipos de esquinas do s. XX e 'vending' actual; abaixo, chafrán-brasón de 1660 e comercial transparente. (Fotos: L. A. / L. A. / L. A. / J.M. Pires / L. A.)

Na nosa experiencia diaria sentimos o leve redondeo das arestas de todos os obxectos que nos rodean para facelos máis amables. A outra escala os redondeos das esquinas e os chafráns urbanos ao "matar a esquina" fan o mesmo. Ao ser pensados desde o camiñar, cada leve xiro destes anacos de fachada abren a visual da rúa e evitan que nos batamos, ou, xa desde o confort urbano, melloran a acústica, pero sobre todo conforman o cruzamento ao que pertencen e serven.

A arquitectura encárgase de construír este encontro, moitas veces feliz, entre rúas e cidadáns. Cada nova esquina é unha enorme oportunidade para convocar maior diversidade ou cantidade de cidade e, en contadas ocasións, convértese ademais en toda unha celebración urbana.

O compromiso de cada esquina é enlazar as rúas que a forman, tan desiguais afortunadamente, e construír tamén a intersección ou praza que limita. O carácter dunha cidade pode definirse pola calidade do espazo entre as súas esquinas. Esas esquinas onde a cidade se cita ou se detén son as que mellor representan o lugar das relacións materiais e persoais.

Nas plantas altas, dada a súa visibilidade, as esquinas son as mellores tribunas urbanas, por iso parece absurdo ver algunha recente e sólida. A técnica permite, desde hai dous séculos, en aceiro, formigón ou madeira abrir as esquinas e que o exterior penetre ata a porta da nosas casas. O mundo da publicidade, basta con pensar en Tokio, aspira a instalarse nas proas urbanas máis brillantes.

No plano socializador do chan, se ao que voa o edificio nas plantas altas que nos cobre sumamos todo o que a planta baixa pode retirarse para, de forma cóncava, atraer e construír cada entrada, e a isto engadimos o maior ancho da rúa habitual neste punto, o lugar resultante é dos de maior complexidade da cidade. Retirar cada edificación é ampliar a praza de diante e metela na nosa casa. "Perder" solar para gañar rúa. Á fin, os novos pasos peonís en diagonal permiten, ademais, ver a esquina ou bisectriz edificada, desde a mellor perspectiva posible e en todo o seu esplendor.

As novas esquinas por propoñer, as que sexan públicas estarán obrigadas, deberán desocupar a esquina de arquitectura para enchela de cidade. E deberán mellorar os mínimos establecidos polo plan urbano. Necesitamos novas esquinas, mellores canto máis abertas, máis porosas e transparentes, máis exteriores en terrazas, galerías e balcóns. Máis amables canto máis atentas ao exterior, por tanto máis urbanas, e menos pagas de si mesmas. "Ninguén presaxiaba cidades crueis" e por iso, as novas esquinas han de suavizalas.

Máis en Arquitectura
Comentarios