xoves 21/10/21

Volven The Homens, liscan os covardes

Tres anos despois do seu último concerto o grupo compostelán xúntase para dar unha única actuación. Será o 12 de xuño na Capitol (Santiago DC). 

The Homens
The Homens

Volven The Homens. Se te preguntas que quen son The Homens, iríache ben ir velos. Se te preguntas cando marcharon, iríache ben acompañar ao que non sabía quen eran. Sexta feira, 12 de xuño, Sala Capitol (Santiago DC), volven The Homens. Tres anos despois do seu último concerto, alá en Cardiff, polas terras galesas. O grupo picheiro retornar para dar unha única actuación e estarán acompañados de The Lost Omelette Makers. Facían power-pop, punk, rock, post-hardcore... música bonita. E deixaron retrousos para ser escritas nas portas dos baños de locais nocturnos, que é o que Fran Zappa consideraba o premio máximo para calqueira letrista que se preciase. “Prefiro follar a falar de follar”, “Se a rabia cotizase no Ibex 35, poderíavos xurar que non habería ninguén máis rico”. Veña, máis unha, logo: “Hoxe cotizan á baixa as mentiras que me dis”.

“Vamos facelo con todas as súas consecuencias, arramplando cun repertorio de oldies e de zurra estrema, en formación de a catro, con Tomás Ageitos aos mandos técnicos e outra vez coas zamarras de raias”, afirman eles propios nas redes sociais. As entradas xa están á venda e custan 8 euros a anticipada e 10 na billeteira. “O artífice desta liada é Manuel, vocalista barbú da Familia Caamagno. Foi el o que convenceu a Xocas para virse desde Barcelona a preparar o bolo; o que logrou sacar a Cristovo da súa plácida vida no Porriño; o que atopou a servidor, Wu, debaixo da pedra na que se escondera. A Roi, coma sempre, non fixo falta moito para enredalo”. Volven The Homens. Xa o sabes, despois non chores.

comentarios