Tonhito de Poi: “A selva é a gran mestra para moitas cousas”

O último proxecto musical de Tonhito de Poi sorprenderá. Dunha experiencia persoal e mística na reserva nacional do Purús, na Amazônia, o de Ribeira presenta un traballo con tres formatos complementarios. O primeiro é a edición dun CD co título de “O Soro da Verdade”, unha colección de cánticos medicinais. O segundo, un documental que acompaña a este traballo discográfico coas imaxes desa viaxe. O terceiro o “Diario da viaxe cósmica á Amazônia”. A presentación en directo será o vindeiro 18 de decembro no Teatro Colón (A Coruña).
Tonhito de poi na Amazônia
photo_camera Tonhito de Poi na Amazônia

Como descobres o "Soro da verdade" e decides viaxar á Amazônia?

Quixen ir á selva por unha cuestión persoal miña. Quería estar en contacto coas tribos e cos mestres chamáns que sempre foi algo que quixen facer. Logo o do "Soro da Verdade" foi a expresión dunha señora que me dixo, antes de entrar na cerimonia, “a ver quen es ti aquí, dentro da verdade”. Alí chámanlle “a verdade” posto que non hai forma de ocultarse despois de probar a súa “medicina”.

Foi difícil contactar para ter esa experiencia?

Moi difícil. Levoume sete anos. A única persoa que estivo alí foi o doutor Jimenez del Oso no ano 1974. Teñen como un dereito de admisión para as súas cerimonias. Eu conseguin entrar da man dun guía que deixou a selva e vive aquí.

Como é a selva?

Uf.... é o máis semellante a que vaias nunha nave espacial a outro planeta. A selva é... incomensurábel, non podes avanzar. Podes chegar a algunhas zonas da Amazônia en épocas de chuvias e con canoa. Logo atopas a selva inundada e chegas a sitios... O son da selva é algo indescriptíbel, inmenso, o propio ar... Aquí os animais escapan alí quen ten que escapar es ti. É virxe.

En que momento pasa de ser unha experiencia persoal a ser un proxecto creativo que compartes coa xente?

Vinme cun material. Eu admirei moito a Carlos Castaneda e os seus relatos en México. Sempre admirei a persoas como Santa Teresa de Jesús ou Krishnamurti. Xente que tivera a valentía de falar de determinadas cousas.

O traballo ten tres apartados: un diario, un CD e un documental...

Comezou primeiro pola música. Eu gravei os cantos chamánicos, os cantos de medicina. Cantan e afinan coa selva e como bo amante de Pink Floyd quixen traducir eses sons e esas sensacións. Empregan voz e tambor ao que eu introduzo a electrónica. Logo eu na viaxe levaba unha cámara con que tiven a posibilidade de gravar a cerimonia e outras experiencias na selva e coa tribo con que estiven. Algunhas son de lugares virxes. A terceira parte é un diario persoal onde quixen gardar algunhas experiencias para que non se esquecesen. Por exemplo camiñar pola selva, doce horas a base de machete. A selva é a gran mestra para moitas cousas. Despois decidín transmitilo, mesmo pola miña filla... Todo o que aparece neste traballo é verdade. É medicina pura. Mesmo na produción do disco, amigos meus, houbo algún que vomitou... non é Chill Out, senón que é medicina pura.

Na presentación en directo participará un chamán...

Actuará e será a primeira vez. Viaxou moito polo mundo e viviu na selva. Logo estivo con outras tribos e agora mora perto dos Pirineos. Oficiará unha cerimonia no concerto, sabendo que será nun teatro polo que a afinación non será a mesma que na selva. Non sei como responderá o público, vai ser unha sorpresa. Logo continuarei eu coa miña música.

Máis en Ao vivo
Comentarios