ISABEL RISCO, ACTRIZ

Isabel Risco: “Xa lle gustaría a Husqvarna construír unha ferramenta tan potente coma a retranca”

Isabel Risco cóntanos en que consiste Falar sen cancelas, a "comedia galega apocalíptica" que estrea este domingo no FIOT xunto con Pedro Brandariz e Fran Rei.

isabelrisco
photo_camera 'Falar sen cancelas' [ene-A]

Falar sen cancelas é unha “comedia pesimista”, di Risco: “Estamos nunha situación dramática, pero temos a retranca e o humor que nos pode sacar desta situación. Xa lle gustaría a Husqvarna construír unha ferramenta tan potente coma a retranca”.

Falar sen cancelas parte da descuberta, por parte dos seus protagonistas, dun andazo que está acabando coa galeguidade. Pon de manifesto, segundo Risco, “a realidade na que vivimos: a nosa economía, os sectores productivos... é como unha conferencia que intenta ser didáctica e á vez cómica, como funcionamos os galegos en determinadas situacións”. 

Para esta actriz e humorista, “a comedia é unha ferramenta de construción, que axuda a que o pesimismo se convirta nunha posible solución, ten que poder co pesimismo. Trátase de transformar o pesimismo nalgo positivo”. 

"Xa a realidade deste país é cómica abondo, así que queremos usar a comedia como unha ferramenta de defensa", di Risco dun espectáculo que se estreará este domingo 11 de outubro no FIOT de Carballo. Producido por Culturactiva, está dirixido por Diego Rey e protagonizado por Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei.

Máis en Ao vivo
Comentarios