As aldeas da cultura celebran os seus festivais

Dúas das máis relevantes citas culturais deste mes de maio celebraranse en dúas aldeas. Desde o Couto, en Ponteceso, e Cans, no Porriño, preparan as máquinas para botar a andar os seus festivais. Con dous denominadores comúns: son de aldea e non queda ninguén da viciñanza sen participar.
Festival de Cans
photo_camera Festival de Cans


Do 16 ao 20 celebrarase unha das máis potentes festas das letras do mes de maio. Aí estarán os grandes nomes da literatura, da música ou do teatro na Galiza. A aldea do Couto prepara o Festiletras e celebra 30 anos de grande encontro de cultura.

No Couto teñen xa pechado o programa en que, entre outros, participarán Kepa Junquera, Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Xurxo Souto, Guadi Galego e Xabier Díaz, Isabel Risco, Xosé Lois Romero, as Cantareiras de Ardebullo ou o Mago Antón. Da escrita estarán, entre outros, Xabier P. Docampo, Xosé Neira Vilas, Fran Alonso ou Xosé Mato Fondo nun programa que se tece sen deixar fóra ningún veciño nin veciña. Posibilidades para participar hai moitas. As primeiras, a través da propia organización, substentada por asociacións do lugar, a Monte Branco, a Fundación Eduardo Pondal, a Cultural Inllar, a Oliveira de Monte Branco e o Colectivo Con V de Valarés. Despois, sendo protagonistas no propio programa, que integra ás agrupacións culturais da comarca, a Escola Municipal de Teatro de Ponteceso ou a Coral A Oliveira de Monte Branco. E, finalmente, na multitude de actividades que o Festiletras ofrece, desde os espectáculos aos roteiros literarios, as ofrendas frorais populares a Pondal, a noite poética, o café da memoria, os obradoiros, as feiras do libro e artesanía ou o xantar literario. Para a xente miúda hai programación especial, tanto para o público en xeral como nos centros de ensino.

Do Couto a Cans

O Torreiro da Festa e o Jalpón Friki mais tamén o Cuberto de Chelo, a Casa Pato, o Baixo do Moncho ou a Casa do Carrera están prontas para agardaren a arroiada de xente que do 23 ao 26 se achegará a Cans para participar no seu festival de cine que chega a súa novena edición.

Con non máis de 400 habitantes, en Cans (O Porriño) non só é imposíbel non participar no agroglamour do audiovisual galego senón que veciñas e veciños agardan xa a cita como se da festa patronal se tratar. A arquitectura rural da aldea non se altera pola presenza do cine, moi ao contrario, son as proxeccións as que se adaptan ás construcións agrícolas nun encontro feliz para todas as partes.

Desta volta, ademais de audiovisual, en Cans haberá máis de 20 actuacións musicais, entre elas, Aerolíneas Federales que se sumará á proxección de dous documentais sobre a movida. 

A organización do festival, dirixido por Alfonso Pato, presentou o seu programa no Bar Fortes, un dos clásicos do encontro,  en que o audiovisual e a música se dan a man con actuacións como Xoel López, Aerolínesas, Banda Crebinsky ou O Sonoro Maxín, encontros con Isabel Coixet, Antón Reixa, Sandra Sánchez ou Ángel de la Cruz, alé da programación de longametraxes, as 18 curtas a concurso ou materiais inéditos de distintos traballos.

Isabel Coixet, Morris, Chete Lera, Celso Bugallo e Mabel Rivera estrearán a súa estrela no Torreiro.

Para coñecer mellor a filosofía de Cans pódese viaxar en chimpín -vehículo oficial do festival- pola súa páxina.

Máis en Ao vivo
Comentarios