A cultura a escote

Os datos falan de maos tempos para a cultura. Custa financiar os proxectos creativos nun momento de grande crise económica, rebaixas de orzamentos e diminución do consumo cultural. Contra esta situación nace a produción cooperativa, a cultura a escote. Botar adiante iniciativas co que se deu en chamar crowdfunding. O novo disco de Os Cempés ou o tributo a Magín Blanco son dous exemplos do suceso destas iniciativas.

 

Os Cempés
photo_camera Foto promocional de "Os Cempés"

A necesidade fai virtude, di a sabedoría popular. Esta máxima  estase a pór de moda na cultura galega. Unha grande capacidade creativa, a desaparición de orzamentos destinados a promover o talento e as iniciativas culturais e o control do consumo cultural en tempo de crise son tres elementos que están a dar un xiro á produción cultural en todos os ámbitos, e moi especialmente no musical. O crowdfunding é o sistema elixido para botar a andar iniciativas que, sen o contributo de moitas persoas, non poderían ver a luz.

Os Cempés fan gala da multitude de persoas que apoiaron a saída do seu novo disco achegando cartos. A súa páxina de facebook abre nestes días cunha fotografía na que se acumulan nomes de homes e mulleres que sumaron no conxunto 9.775 euros para sufragar a saída de Tentemozo, o novo disco co que a banda comemora os vinte anos no escenario desde aquela primeira vez que se puxeron diante do público nun concerto en Cedeira.


A escote búscase financiar o recompilatorio Galician Bizarre II. A través da plataforma verkami búscase editar un disco con dezaoito cancións inéditas doutras tantas bandas. A tirada será de 525 exemplares en vinilo e nel está previsto que participen Alarido Mongólico, Carrero Bianco, Fluzo ou Mullet.

O micropatrocinio para a produción do novo Galician Bizarre, xestionado a través da rede, consiste no pagamento de 10 euros de forma anticipada como compra do disco. A persoa que se faga cun exemplar será, ao tempo, coprodutora do proxecto. Avisan de que só recadan para a elaboración das copias. Ningunha das bandas cobra polo seu traballo. Tamén recolle cartos Projecto Mourente para financiar o novo disco A Pior, gravado nun apartamento de Compostela entre 2010 e 2011.

Zeca, Fred e Magín

Co mesmo sistema de coprodución social quérese que o concerto homenaxe a Zeca Afonso, celebrado no Auditorio de Santiago con motivo do 40 aniversario da estrea mundial de Grândola, non fique só na memoria de quen asistiu como público. Na rede atópase a iniciativa para partillar a inmortalización do momento. As opcións de apoio van de 5 a mil euros e a recompensa increméntase en función da cantidade, desde un cartaz do evento até un deseño de Caramuxo e 250 camisolas, pasando por publicidade en medios dixitais en galego.

O músico brasileiro Fred Martins que na Galiza se deu a coñecer a través da colaboración con Ugia Pedreira en Acrobata botou a andar tamén na rede a súa iniciativa particular para comemorar vinte anos de carreira cun cd cos temas máis representativos da súa traxectoria musical. Para que Fred Martins teña o seu disco pódese contribuír con doazóns de 5 a 1500 euros. Con cinco euros o nome das persoas que apoiaren aparecerá nos créditos do CD e desde esa compensación mínima a iniciativa vai medrando até @s que contribuíren con 1.500 euros, que poderán contar cun concerto privado do músico en calquera lugar de Europa.

Para render homenaxe ao músico Magín Blanco após un accidente que o levou a deixar a música, ideouse un proxecto que consiste en lograr a colaboración doutros artistas que versionarán os seus temas e a publicación do traballo nun dobre CD. A resposta foi xenerosa e máis de trinta músicos participan xa nun proxecto que supera neste momento os 3.000 euros recadados por máis de cento vinte mecenas. Desde os 5 aos 70 euros do que dependen as distintas recompensas e xa algunhas das posibilidades para contribuír ao proxecto están esgotadas.

Na música é no ámbito onde máis está a florir a produción compartida, mais tamén no audiovisual nacen iniciativas de mecenado social para levar adiante proxectos. A realización da longametraxe de ficción http://www.fervenzamovie.com/es/el-comienzo de Miguel Calvo e Manuel Suárez, que busca xuntar 200.000 euros para os que aínda quedan 148 participacións, é un exemplo diso.

 

 

 

 

 

Máis en Ao vivo
Comentarios