“O poder sempre é o puto poder e nós temos que entendernos ben entre nós”

Suso Bello, unha das voces da Compañía do Ruído, fálanos do novo traballo discográfico da banda de Ribeira que leva por nome “Pensares galegos”. Temas clásicos e novos coa mesma forza de sempre.

Compañía do Ruído

O grupo ribeirense A Compañía do ruído presenta “Pensares galegos”, o seu novo traballo discográfico, no acto central da Festa da Chuvia 2013. Faino dun xeito orixinal, a bordo dun catamarán e en boa compañía. O ruído non vai faltar. Para abrir boca fala para Sermos Galiza Suso Bello, unha das súas voces.

Hai moito que pensar en Galiza?

Pensamos moito en Galiza. Os pesares non son o mesmo que os pensares. Cun vasiño de viño alívianse os pensares mais os pesares non se alivian con viño. Aliviaranse con accións, con reacción, dándolle volta aos asuntos e ás formas e maneiras de vivir. Atopar unha que nos sexa agradábel e viábel para todos.

Zënzar e Diplomáticos que representan para vos?

Representan a música en Galiza. Eu agora teño 38 anos e con 14 e empecei nun grupo todos escoitábamos aos Diplomáticos e mesmo a coincidir nos escenarios. As deste traballo foron colaboracións que se nos pediron para homenaxes a eses grupos que nos gustaban. Representaron e representan como referentes o desenvolvemento en Galiza da música en galego e da música en Galiza.

O resto de cancións?

Son cancións da Compañíado Ruído. Segue a súa liña punkarra aínda que mesturado cunha rumba e unha bossa nova. Os ritmos empregámolos para contar unha historia. A historia pídenos se vai como un tango, máis punkarra ou máis muiñeira. Mais a historia vén sendo a mesmo: escarnio e maldecir, que o amigo e o amado xa o temos ao lado. Falamos das cousas actuais, aínda que algunhas se escribiron hai 20 anos. Pretendemos buscar impulso e forza. Fodidos estamos, fastidiados estamos, o poder sempre é o puto poder e nós temos que entendernos ben entre nós. É o fío da Compañía: a unión e a forza.

"Os ritmos empregámolos para contar unha historia. A historia pídenos se vai como un tango, máis punkarra ou máis muiñeira"

Temas agora hai de abondo, como para facer varios discos...

Si. A día de hoxe os artistas están fastidiados e xa hai quen di de pasar de ser reivindicativo e escribir sobre as flores, (risos)... o mundo está para facer moitas cancións. Xa que non se fa moitas cousas boas no mundo polo menos que haxa cancións bonitas.

Apuntádevos ao Escrache mais ao voso estilo, non?

Nós de conselleiros non nos enteramos moito, como dixo o outro “Dios salve ao conselleiro”... E é case mellor (risos). Nós procuramos facer a nosa unión. A que dicía Xenreira: “Viva a nosa unión”. Nos directos da Compañía sempre potenciamos, ademais dos nosos temas, versións de grupos galegos como Na Barraka e algún tema moi clásico. Tamén de Xenreira aquel que fala de que facer para vivir sen morrer. Tratamos de defender o noso, que somos todos nós.

E agora presentación na Festa da Chuvia...

Sempre gostamos de facer os concertos arrodeados de xente, algunhas veces para tocar e directo ou  como vai ser neste caso con moitos amigos. Alugamos un barco no Grobe para levar a 150 persoas durante 7 horas pola Ría de Arousa. Unha ría que non só é para botar lixo e quitar peixe, queremos levarlle alegría. Trouxemos á Magnifique Band que son compañeiros de hai moitos anos, a Cé Orquestra Pantasma, a Leo e Arremecajoná, a grupos da zona e outros que fan performance.

Vai ser algo especial ou pensades repetir experiencia noutros lugares?

É algo especial que ogallá se puidera facer en todas as rías. Contactos hai e gostarimos de facelo en Fisterra ou nunha dorna de porto en porto. Coido que sería unha maneira bonita de defender as nosas cousas. 

Máis en Ao vivo
Comentarios