Denuncian o "feche" de camas no Hospital da Mariña durante o verán

A xunta de persoal do Hospital Público da Mariña denunciou o "fechamento" da planta de Medicina Interna durante o verán. A CIG Saúde da Mariña criticou que o "fechamento carece de calquera xustificación técnica posíbel" e que "tan só obedece" a unha política sanitaria "de recortes do PP" que busca o "desmantelamento" da sanidade pública na comarca. Así, detallou que este "fechamento de camas" terá "consecuencias" para as persoas enfermas e "suporá o incremento" das derivacións ao Hospital de Lugo, ao "non existir camas libres" no hospital de Burela. "Unha práctica que se realiza durante os últimos meses e que provoca o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por motivo dunha mala planificación da dirección dun hospital que acaba de ser ampliado". Fontes da Consellaría de Sanidade precisaron que o feche de camas "non é algo exclusivo" do Hospital da Mariña e insistiron en que "estará dispoñíbel o 100% das camas" para seren utilizadas "sempre que sexa necesario, en calquera momento".
Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).
Comentarios