O BNG recorda ao PP a súa privatización da AP-53 "durante 75 anos"

O BNG recomendou esta quinta feira ao PP que "deixen de facer o ridículo en rotondas diante de cabinas de peaxe que eles mesmos puxeron para saquear aos veciños e ás veciñas do Deza hai 25 anos" no contexto dunha campaña electoral "á desesperada". A candidata do BNG ao Parlamento da Galiza pola circunscrición de Pontevedra, Ariadna Fernández, considerou "outra falta de respecto aos cidadáns" que os representantes do PP "veñan a exixir gratuidade de peaxes que a veciñanza do Deza paga a prezo de ouro grazas a que un Goberno do PP na Xunta da Galiza adxudicou a concesión da AP-53 a Acega [Grupo Globalvia] durante 75 anos". Fernández lembroulle aos que "agora veñen erixirse coma apóstolos da gratuidade das peaxes" que durante moitos anos "estiveron calados vendo coma o seu partido hipotecaba o futuro dos nosos veciños e veciñas". En concreto, referiuse ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, "que agora ven facerse fotos ás rotondas", concluíu.
Representantes do PP nunha peaxe da AP-53 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Representantes do PP nunha peaxe da AP-53 (Foto: Nós Diario).
Comentarios