O 'Abril oteriano' deu comezo en Ourense

Na primeira xornada presentouse o Epistolario entre Otero Pedrayo e Fernández del Riego, editado pola RAG.
Ramón Valles, Cruz Mato e Patricia Arias, na xornada de onte.
photo_camera Ramón Valles, Cruz Mato e Patricia Arias, na xornada de onte.

Esta sexta feira, 26 de abril,comezaron no Liceo de Ourense as xornadas Abril Oteriano, coas que a Fundación Otero Pedrayo lembra o legado de "don Ramón" desde hai sete anos.

Na sesión de onte, tras as presentacións de Eduardo López Pereira, presidente da fundación, e de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), presentouse o Epistolario entre Otero Pedrayo e Fernández del Riego, editado pola RAG, 438 cartas das cales 330 son de Otero a Del Riego e o resto de Del Riego a Otero.

Despois da proxección de tres vídeos do arquivo de RTVE, comentados por Cruz Mato. nos que ambos protagonistas falan o un do outro, interviron Xesús Alonso Montero, prologuista do libro, e  Patricia Arias Chachero, transcritora e autora das case 800 notas que tentan explicar e contextualizar as cartas.

O epistolario mostra que a que uniu a Otero e a Del Riego foi unha relación moi estreita. Ambos desfrutaban moito da vida, das comidas, das reunións cos amigos… Nas cartas pódese seguir perfectamente a recuperación da literatura galega de preguerra, a posta en marcha da Editorial Galaxia, os artigos en La Noche, os problemas que tivo Del Riego coa xustiza... Cando foi detido e preso en Pontevedra, por exemplo, Otero mostra nas cartas a súa preocupación e enfado.

A primeira das epístolas, do 18 de outubro de 1937, asínaa o soldado Francisco Fernández del Riego na fronte, en Salamanca, transmítelle o seu afecto, pídelle libros e faille saber a Otero Pedrayo (con palabras veladas) que sabe que foi expedientado  e que vive en Trasalba, apartado do emprego e soldo pero mantendo vivas as ideas de sempre.

A última está datada o 8 de outubro de 1975, apenas seis meses antes da morte de Otero Pedrayo.

Na sesión deste sábado, que comezará ás once da mañá, Felipe Senén López impartirá a conferencia "Panceltismo, cristianismo e o espello de Irlanda na Galiza de Nós". Xosé López Silva pechará as xornadas coa charla sobre a presenza das viaxes e a xeografía na obra de Otero Pedrayo.

 

Comentarios