MAPA | O 83% dos municipios da Galiza son produtores de enerxía eléctrica

A capacidade de xeración eléctrica da Galiza é superior ás necesidades de consumo interno dos e das particulares e das empresas do país, até o punto de ter exportado en 2023 máis de 42% da produción. O elevado número no país de instalacións de xeración eléctrica explican estas cifras.

Só 52 concellos galegos non contan con centrais de xeración eléctrica no seu territorio. (Mapa: Nós Diario / Fonte: Inega)
photo_camera Só 52 concellos galegos non contan con centrais de xeración eléctrica no seu territorio. (Mapa: Nós Diario / Fonte: Inega)

261 concellos galegos contan con centrais de xeración eléctrica emprazadas no seu territorio. Neste sentido, 83% dos municipios do país son produtores de electricidade, sumando en 2023, último ano con cifras, unha produción conxunta 23.872.174 megawatts hora (MWh). 17.987.088 MWh da enerxía xerada, 75,3% do total, foi de orixe renovábel, destacando 8.363.8875 MWh de tecnoloxía hidráulica, 9.086.177 MWh de procedencia eólica e 354.722 MWh doutras fontes renovábeis.

A primeira tecnoloxía de xeración eléctrica da Galiza en produción e potencia instalada é a eólica. 125 municipios galegos acollen no seu territorio 189 parques eólicos que suman unha potencia total de 3.907 megawatts (MW). Neste momento, só sete comarcas carecen destas instalacións —Baixo Miño, Compostela, Terra de Lemos, Valdeorras, Quiroga, Viana e O Morrazo—; porén, en todas elas, agás no Morrazo, proxéctanse iniciativas neste ámbito.

As comarcas con maior intensidade eólica da Galiza sitúanse na área da serra do Xistral. Á cabeza delas está A Terra Chá con 823 aeroxeradores operativos dos 4.018 en funcionamento na Galiza e unha potencia instalada de 770,6 MW, que representan o 24,8% do total do país. A continuación aparece A Mariña, onde destacan en produción os concellos de Ourol, con 156 aeroxeradores e 169,8 MW, e O Valadouro con 120 aeroxeradores e 114,6 MW.

A eólica

Muras é o primeiro concello galego en xeración eólica. Neste municipio da Terra Chá emprázanse 381 aeroxeradores, cunha potencia instalada de 264,4 MW, que supera a de comunidades como Cantabria, Estremadura, Euskadi, Madrid ou Murcia. Tras Muras sitúase outro concello chairego, Abadín, cunha potencia instalada de 183,3 MW e 200 aeroxeradores en funcionamento, e Ourol, que dispón de 156 aoroxeradores cunha potencia instalada de 169,8 MW.

A densidade eólica da Galiza está á cabeza do Estado español. Segundo se recolle no informe O sector enerxético galego: Presente e futuro, elaborado por un equipo coordinado polo profesor da Universidade da Coruña (UDC) Fernando de Llano e promovido polo Consello Económico e Social (CES), “de analizar a enerxía eólica mediante un indicador de densidade de potencia instalada atópase que a Galiza é a comunidade autónoma co indicador máis alto cunha densidade de 0,13 MW/Km2, en segundo lugar sitúase Nafarroa con 0,125 MW/Km2. Madrid destaca polo valor nulo deste indicador, sinónimo de non ter ningún MW instalado por Km2”.

Mapa de concellos con e sen instalacións enerxéticas.
Mapa de concellos con e sen instalacións enerxéticas.

Os datos achegados pola Xunta da Galiza e o Goberno do Estado recoñecen como produtores de enerxía eléctrica de orixe hidráulica 101 concellos galegos. Porén, estas cifras deben ser matizadas, pois só outorgan esta consideración a aqueles municipios onde están emprazadas as centrais e non a totalidade dos concellos afectados polos encoros que fornecen de auga as referidas centrais. Así, por exemplo, non aparece como xerador de enerxía hidroeléctrica Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada), malia que metade do municipio está anegado polo denominado encoro de Grandas de Salime. Outro tanto acontece co concello de Entrimo (Baixa Limia), onde unha parte moi importante do seu territorio está ocupada polo embalse de Lindoso (Portugal). Unha situación análoga dáse noutras 13 localidades galegas.

Hidráulica

A Galiza é unha gran potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.761 MW, que representa aproximadamente 26% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento.

A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que xestiona a Xunta.

O primeiro concello galego en xeración hidráulica é Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense) con catro centrais cunha potencia total de 495 MW. A continuación están Vilariño de Conso (comarca de Viana) con dous encoros e una potencia total de 481 MW e Chantada (na comarca homónima) cunha potencia hidráulica de 330 MW procedentes dos encoros de Belesar I e II, propiedade de Naturgy, titular dos dereitos da vella Fenosa, compañía que ergueu en 1963 a primeira das centrais.

Os ciclos combinados

A terceira tecnoloxía de xeración eléctrica da Galiza está asociada aos ciclos combinados de gas natural, que en 2023 sumou una produción total de 3.759.495 MWh. Un deles é propiedade de Endesa, filial da empresa pública italiana Enel, e está emprazado nas Pontes (Eume) e conta cunha potencia instalada de 855,6 MW. O outro, cuxo titular é a madrileña, Naturgy, sitúase en Arteixo (comarca da Coruña) e dispón dunha potencia de 391,3 MW.

62 concellos galegos acollen centrais de coxeración, que permiten o aproveitamento de calor e xeración de electricidade nunha ampla diversidade de sectores e empresas, sumando na Galiza una potencia instalada de 557 MW, sendo a maior delas a instalada por Repsol na Coruña. Os combustíbeis máis empregados para o seu funcionamento son fuelóleo e gas natural, cada un dos cales representa una cota de potencia de 35% sobre o total galego.

A Xunta e o Estado tramitan 273 novos parques eólicos en 189 concellos

A potencia eléctrica en tramitación na Galiza avanza un incremento na intensidade das instalacións enerxéticas. Só no ámbito da eólica terrestre as enerxéticas proxectan a instalación de 12.982 MW eólicos na Galiza, o que implicaría aumentar en 60,1% a potencia eólica terrestre actualmente en funcionamento. Nesta situación atópanse 8.940 MW en 273 parques en 189 concellos cuxa autorización corresponde á Xunta da Galiza e 4.679 MW en tramitación por parte do Goberno estatal, que ten competencias para autorizar complexos de eólica cunha potencia superior a 50 MW.

 Quico da Silva, membro do Colectivo Bidán de debate enerxético, sinala a Nós Diario que “os datos son a evidencia de que temos o país inzado de centrais de xeración eléctrica, pero isto non vai acompañado de beneficios sociais e económicos para o país”. Nesta dirección, apunta a que “isto responde ao papel reservado para Galiza de xerar enerxía eléctrica, un deseño que vén da ditadura e no que agora queren afondar con novos proxectos”. Na mesma dirección, incide en que “estamos diante dun exemplo claro de colonialismo enerxético e da conversión da Galiza nun territorio de sacrificio”.

Da Silva entende que “isto é outra mostra máis da necesidade dunha tarifa eléctrica galega e dos beneficios de consumo de proximidade, o que debería levarnos a apostar por un consumo de quilómetro cero, unha proposta que xa están promovendo en moitos Estados europeos por ser económica e ambientalmente máis sustentábel”.  

Comentarios