Luz Fandiño reunirá activismo, mocidade, feminismo e poesía este domingo en Compostela

O Museo do Pobo Galego acollerá unha homenaxe ás 11 horas. A Fundación Eira da Xoana prepara outra conmemoración en honor da poeta para o 26 de maio.

Luz Fandiño no documental 'A poeta analfabeta' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Luz Fandiño no documental 'A poeta analfabeta' (Foto: Nós Diario).

A poeta e activista galega Luz Fandiño recibirá este domingo unha homenaxe no Auditorio do Museo do Pobo Galego, en Compostela. O acto, que será “horizontal” segundo explican nun comunicado desde a organización, comezará á 11 horas e estará conducido por Sara Iglesias, produtora e artista; Iolanda Aldrei, poeta; e Tareixa Navaza, xornalista. Nel participará a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e Ingrid Izquierdo, Cónsul Xeral de Cuba na Galiza, representando a un pobo moi querido por Luz.

Ademais, tomarán a palabra representantes do Festival de Poesía do Condado, do Festival de Pardiñas, da Libraría feminista Lila de Lilith, das Escolas Semente ou do Patronato Rosalía de Castro, entre outros.

Neste festexo que lembrará á recentemente premiada pola Deputación da Coruña co Premio Begoña Caamaño, a proposta da Asociación Cultural 'O Galo', haberá intervencións musicais que consistirán, fundamentalmente, na interpretación de poemas de Luz Fandiño musicados por cantautoras e cantautores.

As catro grandes “cestas”

No comunicado sinalan que o acto xirará en torno á presenza de catro grandes “cestas” que representarán diferentes aspectos da vida de Luz Fandiño: o activismo, a proximidade á mocidade, o feminismo e a poesía.

En cada un dos catro bloques abrirase un espazo de 15 minutos para que o público poida subir ao palco para dicir unha ou dúas palabras coas que exaltar a Luz. Ademais, poderanse depositar sementes ou flores que acompañarán unha parte das cinzas de Luz que serán depositadas o próximo día 26 de maio, ás 16 horas, na Eira da Xoana, en Agolada (comarca do Deza).

Simultaneamente, haberá un espazo de gravación de vídeo no que o público asistente poderá deixar intervencións de un minuto destinadas a un documento no que se recollerá todo o acto.

Comentarios