O BNG demanda a Xunta e Goberno un acordo para pagar axudas ás mariscadoras da ría do Burgo

Rego advirte que non estarán "satisfeitos" até "ver completa" toda a rexeneración da ría.
Representantes do BNG visitaron esta terza feira a ría do Burgo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes do BNG visitaron esta terza feira a ría do Burgo. (Foto: Nós Diario)

Representantes do BNG demandaron a Xunta da Galiza e Goberno estatal o inicio dunha "vía de diálogo" para o pagamento de compensacións aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo mentres non poden faenar, unha vez concluídas as obras de dragaxe e á espera de que as crías que se están sementando cheguen ao tamaño legal.

Así o expuxeron nunha visita á ría con presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que avanzou que, ás iniciativas xa presentadas, sumarán outras para "garantir as axudas necesarias" no período que o proxecto estabelece para "a recuperación plena do marisqueo", dixo, de 18 a 24 meses.

En declaracións aos medios, apuntou tamén que non estarán "satisfeitos" até "ver completa" toda a rexeneración da ría, cuestión na que incluíu non só a dragaxe senón tamén completar o paseo perimetral ou determinar a situación dos bancos marisqueiros para que se algún está afectado, como sostén un informe da Confraría de Pescadores, poidan facerse "as correccións precisas".

Pola súa parte, a deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, apelou "a non esquecer" os postos de traballo ao redor da ría do Burgo e instou a Xunta a analizar "se as obras responden ao proxecto" e que "non haxa alteración" nos bancos marisqueiros.

Ao mesmo tempo, pediulle que "asuma" as compensacións ao sector marisqueiro ou, en todo caso, que abra unha mesa de negociación co Goberno estatal "para impulsar un novo convenio que blinde aos mariscadores".

Mentres, o portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Culleredo, Tono Chouciño, insistiu en que a recuperación ambiental da ría "non é só a dragaxe". "Quedan actuacións pendentes", afirmou, citando aspectos como a recuperación de especies extinguidas na ría.

Reposición de viarios

Nesta mesma xornada, a subdelegada do Goberno estatal na Coruña, María Rivas, avanzou ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, as actuacións que se van efectuar nos próximos días para repor aquelas zonas e viarios do concello que resultaron afectados pola execución dos traballos.

Foi nunha reunión decorrida na Subdelegación do Goberno e con presenza tamén do xefe da Demarcación de Costas do Estado na Galiza, Carlos Gil, e responsábeis da empresa adxudicataria.

Comentarios