Rueda avala que o edil da Illa de Arousa condenado por violencia machista reingrese no PP

Matías González, o edil non adscrito da illa de Arousa (O Salnés) volta a casa, ao PP do que fora candidato nas municipais de 2023 e do que foi afastado 5 días antes das votacións ao se coñecer que fora condenado por violencia machista. Daquela, hai un ano, Rueda prometera durante unha comparecencia após un Consello da Xunta que González non estaría no grupo municipal do PP. Esta segunda feria, no mesmo escenario, o presidente avalou o seu regreso ao partido. 
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, en rolda de prensa após o Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, en rolda de prensa após o Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).

"Son feitos de hai máis de dez anos e xa cumpriu coa xustiza". Con esta frase avalaba esta segunda feira Alfonso Rueda na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno que Manuel González se reintegrase no grupo municipal do PP na Illa de Arousa. Nese mesmo escenario, en maio do ano pasado, o mesmo Alfonso Rueda afirmaba que González —candidato do PP nas municipais do que se acababa de coñecer que fora condenado por violencia machista— non podía estar no PP. Daquela González tamén cumprira coa xustiza e pasaron nove anos dos feitos. Mais había unha cita coas urnas a 5 días vista.

Boa parte das preguntas da prensa durante a comparecencia de Rueda versaron sobre este tema, ante a incomodidade do presidente, que acabou afirmando que non ía "incidir máis" neste tema. O titular da Xunta da Galiza descargou a responsabilidade deste 'retorno' no PP da Illa e da provincia de Pontevedra. "Foi unha decisión adoptada por eles", dixo. Mais tamén recoñeceu que lle comunicaron que ían recuperar Manuel González para o PP. "Tomei coñecemento", engadiu, " e non me vou opor".

Mobilidade

O Consello da Xunta aprobou esta segunda feira a Estratexia galega de mobilidade, que contará con 420 millóns de euros e implementará un cento de medidas até 2050. O conselleiro de Presidencia Diego Calvo —que asumiu após a recente remuda do Goberno as competencias en mobilidade— dixo que entre os obxectivos do plan estaba reducir os accidentes de tráfico ou as emisións contaminantes.

Vacina

Tamén se aprobou na xuntanza semanal do Executivo que a vacina '20 valente' contra o pneumococo se amplíe até os 2 anos (agora era até os 12 meses), e destinar 10 millóns de euros para programas de formación laboral para persoas desempregadas. Neste caso, advertiu Rueda, cunha exixencia: no mínimo 35% das persoas que fagan os cursos teñen que atopar emprego. De non se cumprir esta porcentaxe, as entidades ou concellos nos que non se logrou non poderán acceder a estes programas nos seguintes anos.

Paro biolóxico

Non foron estas as únicas cuestións que esta segundarecibiron o visto e prace do Consello da Xunta.  O Goberno galego aprobou destinar 7,3 millóns de euros para axudas a armadores e tripulantes de marisqueo polos paros biolóxicos en zonas da ría de Arousa, Pontevedra e Noia-Muros.

Por último e a preguntas da prensa, desta volta sobre se xa decidiu que conselleiros e conselleiras continuarán con cadeira no Parlamento galego, Rueda limitouse a avanzar que "nun prazo curto de tempo" informará das mudanzas ao respecto.

Comentarios