Contas reitera o aumento de demoras do Sergas e ve necesario un sistema de financiamento con orzamentos "realistas"

Así se desprende do Informe de Fiscalización do Sergas publicado esta segunda feira por Contas, que entre as súas conclusións recolle que tanto en comparativa interanual, excepto en cirurxía, como co ano base 2019 (antes da pandemia), incrementáronse os tempos de demora do Sergas.
Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Foto: Nós Diario).

O Consello de Contas insistiu en que en 2022, do mesmo modo que en 2021, o número de pacientes e as demoras incrementáronse "de forma xeneralizada" no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e subliñou a necesidade de pór en marcha un novo sistema de financiamento que permita orzamentos "realistas" con medidas "rigorosas" para o seu cumprimento.

Así se desprende do Informe de Fiscalización do Sergas publicado esta segunda feira por Contas, que entre as súas conclusións recolle que tanto en comparativa interanual, excepto en cirurxía, como co ano base 2019 (antes da pandemia), incrementáronse os tempos de demora do Sergas.

Con respecto á situación prepandemia, as demoras son "moito máis elevadas", con aumentos de 37% en cirurxía, de 59% en consultas e de 52% en probas diagnósticas. No informe de Contas relativo a 2021, o incremento dos tempos para cirurxías con respecto a 2019 era de 42% (baixando 5 puntos en 2022), mais o de consultas era de 36% (en 2022 subiu 23 puntos) e o de probas de 41% (incrementándose en 11 puntos).

O Consello de Contas explica que a actividade asistencial viuse afectada de maneira "significativa" pola Covid-19 e, a pesar de que se foi recuperando en 2021 e en 2022, neste último "aínda non se recuperou, nalgúns indicadores, o volume alcanzado en 2019".

En concreto, as altas hospitalarias baixaron en 2022 3% en relación a 2019, aínda que subiron 7% ao comparar con 2021. As estancias hospitalarias caeron 1% respecto á situación prepandemia, mais subiron 5% entre 2021 e 2022. As primeiras consultas disparáronse 27% respecto a 2019 e 28% en comparación con 2021. As urxencias tamén están 6% e 22% por encima deses anos. Pola súa parte, en atención primaria o número de consultas volveu superar os 15,1 millóns, cifra similar á de 2021, crecendo 7,8% desde antes da chegada da Covid-19.

Sistema de financiamento

Contas tamén puxo o foco no financiamento do Sergas, indicando que a asignación que a autonomía destina ao gasto sanitario é "moi superior" ao que estabelece a través dos seus orzamentos iniciais. En 2022, o financiamento adicional alcanzou os 489 millóns de euros.

Isto mostra, a xuízo do organismo, unha técnica orzamentaria "allea á realidade" e "a necesidade de implantación dun sistema estábel de financiamento que posibilitaría a formulación de orzamentos realistas acompañados de medidas rigorosas para o seu cumprimento".

En canto ao financiamento das modificacións de crédito, prodúcense "dous grandes defectos", segundo Contas. Por unha parte, de maneira "reiterada" reflíctese un uso "inadecuado" do programa 'Imprevistos e funcións non clasificadas', transferindo a este programa créditos que posteriormente se distribúen entre outras aplicacións do orzamento de gastos, entre elas as do Sergas.

"O uso inadecuado deste programa permite eludir os límites fixados normativamente para as transferencias de crédito", apuntou Contas, asegurando que estas cantidades destínanse a partidas como os gastos de persoal, a Seguridade Social ou receitas. "Este tipo de gastos recorrentes pódense prever, polo que o seu encaixe como gastos excepcionais e imprevisíbeis resulta, cando menos, cuestionábel", engadiu.

Ademais, Contas tamén observa a utilización de créditos correspondentes a operacións de capital para financiar gastos correntes mediante a figura da transferencia de crédito, "o que de novo reflicte deficiencias estruturais na orzamentación".

Entre outros aspectos, o informe indica que de forma "recorrente" o Sergas non recoñece a totalidade do gasto no que incorre, xerando o denominado gasto desprazado. En 2022, rexístranse de exercicios anterior por importe de 67,9 millóns, mentres que deixaron de rexistrarse gastos por importe de 70,8 millóns, polo que o resultado orzamentario está sobrevalorado en 2,9 millóns.

"O Sergas continúa sen implantar un sistema integral de contabilidade, tal e como exixe o Plan Xeral de Contabilidade Pública da Galiza, e non inclúe nas contas rendidas o Balance de situación nin a Conta do resultado económico-patrimonial. A carencia desta información económico-financeira imposibilita o coñecemento da situación patrimonial da entidade", destaca Contas.

Gasto per cápita

En termos comparativos con outros territorios do Estado, o orzamento sanitario da Galiza sitúase, con 1.705 euros per cápita, en décimo lugar no conxunto das autonomías. Desde o punto de vista do esforzo financeiro, sitúase ao redor da media do resto de comunidades, con 6,6%. O orzamento do Sergas representa 97% do orzamento consolidado do exercicio 2022.

En 2022, o gasto orzamentario derivado da prestación de servizos sanitarios con medios alleos foi de 226 millóns de euros, mentres que o gasto real do exercicio, descontando o efecto do gasto desprazado, foi de 225 millóns, sendo 4,5% do gasto do Sergas, que superou os 5.000 millóns de euros.

"O Sergas segue xestionando determinados servizos nos que non se emprega ningunha fórmula contractual, senón que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso. Esta figura, que ten a súa orixe na lexislación sanitaria, carece de sustento para ser utilizada con esta finalidade e vulnera os principios esenciais da contratación pública (publicidade, concorrencia, transparencia...)", alertou Contas.

O gasto farmacéutico, en termos de obrigacións recoñecidas, foi de 1.439 millóns no exercicio 2022, o que supón un incremento de 4% respecto do anterior e un peso no conxunto do gasto do organismo de 30%. Despois de ter en conta o efecto do gasto desprazado, o gasto real do exercicio foi de 1.443 millóns. O 60% deste gasto correspóndese coa prestación farmacéutica a través de receitas médicas e o 40% restante ao consumo de produtos farmacéuticos realizados polo propio Sergas.

"Con carácter recorrente, as consignacións no orzamento son insuficientes xa que o gasto real do Sergas é superior aos créditos iniciais. No exercicio fiscalizado, a desviación do gasto real respecto do crédito inicial foi de 14,7%", engadiu Contas.

Recomendacións

Tras as conclusións, o Informe de Contas propón unha longa listaxe de recomendacións a levar a cabo, insistindo na necesidade de implantar un sistema integral de contabilidade de acordo coas exixencias do Plan Xeral de Contabilidade Pública da Galiza, co fin de dispor de información adicional á liquidación orzamentaria e presentar as contas anuais de acordo coas exixencias do referido Plan.

O Sergas tamén debe reducir ao estritamente necesario as modificacións orzamentarias para "non desvirtuar o seu carácter excepcional". "A actividade sanitaria prestada con medios alleos debe estar sustentada en todo momento polo procedemento contractual acomodado. O Sergas debe cesar na utilización da figura da autorización de uso como forma contractual e suxeitar ao marco legal os gastos que se veñen detectando pola vía do contrato menor", tamén recolle Contas.

Así mesmo, insístese na importancia de promover a transparencia na actuación financeira de entidades dependentes do Sergas, co fin de que a actuación destas sexa sometida a control e supervisión pública. En concreto, apunta cara á Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis) e a Fundación Biomédica Galiza Sur, considerando que as tres deberían ser consideradas como entidades do sector público.

Comentarios