O Intercéltico do Morrazo celebra o seu 40º aniversario co cartel máis moañés

O veterano encontro de folk e música tradicional traerá do 23 ao 28 de xullo artistas e formacións como Xabier Blanco, Budiño, Mercedes Peón, Obal ou a escocesa Brìghde Chaimbeul. 
Presentacion XL FIM (Foto: FIM).
photo_camera Presentacion XL FIM (Foto: FIM).

O Festival Intercéltico do Morrazo chega este ano á súa XL edición ininterrompida. Organizado polo Concello de Moaña, este ano terá lugar do 23 ao 28 de xullo de 2024 e, ademais da sección oficial, contará con concertos e actividades paralelas sen restricións de acceso e de balde. Será na Mostra de Artesanía e Cultura Tradicional (MOA) que chega á súa terceira edición cun cartel propio que se presentará en vindeiras datas.

O programa de concertos abrirá o 25 de xullo ás 22 horas con Xavier Blanco en Raíz. O mestre gaiteiro de Moaña contará cos seus instrumentos máis representativos e coa participación de compoñentes da mítica Semente Nova (banda fundadora do Festival Intercéltico), da Fundacion Legar, entre outras colaboracións.

A continuación actuarán Eoghanxo Unit, o novo proxecto que ven a consolidar a colaboración nos últimos 15 anos entre o gaiteiro moañes Anxo Lorenzo e o violinista irlandés Eoghan Neff.

A noite fechará co sabor escocés do Finlay MacDonald Trio. Este gaiteiro foi un dos primeiros en recibir unha licenciatura en música e gaita escocesa pola Royal Scottish Academy of Music and Drama, abrindo camiño como neste instrumento tradicional e contemporáneo en Escocia.

Obal e Mercedes Peón

Para o 26 de xullo está prevista a actuación de Obal. A banda formada polo moañés Iván Costa  abrirá a sesión do venres ás 22 horas para presentar o seu novo espectáculo que combina os seus traballos discográficos anteriores Baile en Massó (2019) e Posotopía (2022).. En Moaña estarán arroupados desde o patio por Danzas do Mundo Monteira.

Rematará a noite Mercedes Peón, que volve ao Intercéltico con “Ingrávida” a celebración do vixésimo aniversario do seu primeiro disco en solitario, e o grupo de música tradicional galega Os Melidaos.

Xarabal, Budiño e Brighde Chaimbeul con Cyril O’Donoghue

O 27 de xullo chegará ao Intercéltico a histórica banda de gaitas Xarabal, fundada por Antón Corral en 1984. Celebrará no Morrazo o seu 40º aniversario desfilando pola vila e actuando no escenario a partir das 22 horas.

A continuación será o momento de Budiño que presentará na súa casa o seu último traballo “Branca Vela”, un proxecto participado con grandes amigas e amigos do músico moañés: Leilía, Guadi Galego, De Vacas, Diego Cabaleiro, Tania Caamaño entre outras, ademáis de dúas letras compostas por Antía Otero e Manuel Rivas.

Fecharán a noite, e os concertos do FIM, Brighde Chaimbeul & Cyril O’Donoghue. A escocesa Brìghde Chaimbeul recibiu o The Horizon Award á mellor artista emerxente nos BBC Radio 2 Folk Awards 2019. Brìghde toca a smallpipe escocesa cun estilo enraizado na cultura e na lingua gaélica, mais inspírase nunha variedade de tradicións de gaitas, incluíndo Europa do Leste, Irlanda e Cabo Bretón.

Por último, o irlandés Cyril O’Donoghue volve ao Intercéltico logo de estar presente na edición de 2016 coa formación irlandesa Dubhlinn.

Comentarios