A UMG determina este sábado o seu rumbo

A organización xuvenil da UPG organiza o vindeiro día 11 o seu XIX Congreso para renovar os órganos de dirección.
Iria Carreira, secretaria xeral da UMG. (Nós Diario)
photo_camera Iria Carreira, secretaria xeral da UMG. (Nós Diario)

A Unión da Mocidade Galega (UMG), organización xuvenil da Unión do Povo Galego (UPG), anunciou esta terza feira a convocatoria do seu XIX Congreso para este sábado 11 de maio no Casal de Ferreirós, en Poio (comarca de Pontevedra). Baixo o lema ‘A loita continúa’, a organización renovará no seu maior órgano de decisión os seus organismos internos de cara a unha nova etapa que se abrirá a partir do sábado.

A actual secretaria xeral da organización e deputada no Parlamento galego, Iria Carreira, afirmou a respecto da convocatoria do Congreso que “será unha xornada de intenso debate e confrontación de ideas na cal analizaremos as problemáticas que afectan a mocidade e a clase traballadora galega”. Carreira asegurou que “reforzaremos sen dúbida as nosas posicións e propostas sempre desde un punto de vista galego e social”.

A líder da UMG engadiu que este sábado tamén servirá como unha "xornada de renovación" da organización. "Novas camaradas pasarán a formar parte dos órganos de decisión da UMG e estou certa de que entrarán con todas as ganas e ilusión de traballar na defensa das clases populares e da mocidade da Galiza”, dixo.

Neste período que finaliza o sábado 11, a UMG "traballou e contribuíu de forma activa ao reforzamento das organizacións das cales forman parte integrantes" desta entidade. Así, foi primordial o traballo da organización xuvenil da UPG no seo dos movementos estudantís e xuvenís nacionalistas galegos que loitan diariamente contra as opresións e as políticas lesivas dos gobernos coa mocidade galega.

“Non teño ningunha dúbida de que a UMG sairá moi reforzada do XIX Congreso e con ganas de traballar. Sabemos por experiencia que unha UMG forte é o verdadeiro garante de que se avanza na loita da clase obreira galega dentro da mocidade. Non desistiremos deste compromiso e para iso a nova etapa que se abre após o 11 de maio debe servir para organizar a Galiza que queremos para as nosas mozas e para as nosas clases populares”, concluíu a secretaria xeral da UMG.

Comentarios