Opinión

Saír da UE. O exemplo da pesca galega

Nos Tratados da CEE definíronse os Principios para unha boa convivencia entre os Estados e Povos de Europa. Mais, para os galegos, algúns destes Principios se ignoran. Un buque con rexistro galego ten prohibida o acceso no Mar do Norte, no Mar Báltico ou accesos condicionados a medidas previas, coma é o caso do “Box Irlandés”. Isto non tería nada de particular de aplicarse a todos os cidadáns europeos por ser augas da UE. Mais cando só se aplica aos barcos de pesca do noso pavillón, estariamos ante unha discriminación baseada na nosa nacionalidade, algo prohibido polos Tratados. Por que coartan a nosa entrada ao Mercado Común Europeo?

Esta discriminación a Galiza vése máis clara cando se nos nega a consideración de rexión altamente dependente da pesca, estatus que sí teñen outros povos da UE. Tal como veñen alertando Mª. C. García Negro e J.M. Heredia dende o ano 2002, non existe nación na UE onde a pesca, marisqueo, miticultura e transformación de produtos do mar teña tanto peso socio-económico coma na Galiza. Por que Europa nega a evidencia? 

Violacións, pois, do Principio de non Discriminación, Principio de Solidariedade e do Principio de Progresividade que inda hoxe continúan na recente Política Pesquera Común, na que se “garantirá a estabilidade relativa” até o 2022. Un reparto das cotas de capturas feito entre só 9 dos 28 EE MM que en 1976 conformaban a CEE. Máis de 30 anos despois, séguese a repartir as cotas en base a criterios caducos e discriminatarios. Por iso, ano tras anos, miles e miles de toneladas de especies cun TAC biolóxico deíxanse de pescar simplesmente porque outros Estados Membros non as pescan. Todo isto fai da pesca un sector “singular” que choca de frente co verdadeiro sentido da CEE: crear un mercado único de libre circulación de mercadorías, bens, servizos e capitais.

Máis de 30 anos despois, séguese a repartir as cotas en base a criterios caducos e discriminatarios

A Europa do neoliberalismo, polo tanto, non pretende favorecer o libre mercado. É totalmente falso. Como un sector coma o sector pesqueiro galego, o máis profesionalizado, especializado, internacionalizado, vocacional e productivo, ía contraerse  ao acceder a un mercado europeo sen trabas comerciais? Que auténticos emporios coma Pescanova, Freire, Pereira,… no peixe conxelado; e PortodeCeleiro, Grupo Vidal,… no peixe fresco… se expandisen e varresen toda competencia neste sector dentro da UE, era unha cuestión de tempo. Sen embargo, o rol deseñado para pesca será outro.

Un rol que debe ter xustificación no plano mediático e ideolóxico. Cantas veces escoitariamos frases coma “a nosa rlota está sobredimensionada”. É curioso que “sobredimensión”  ou “esquilmadores” do recursos naturais nunca se emprega para designar o sector do automóvil europeo, tan necesitado dos Plans Renove, Plans Pive, e os que virán. 

E todo está pensado. O falso remedio, tamén. Dentro das atribucións da Comisión Europea ou do Tribunal Xusticia Europeo tamén están a de velar polo cumprimento dos Principios comunitarios e fomentar unha verdadeira integración. A Comisión Europea converteuse de facto na institución máis forte na UE. “Guadiana dos Tratados” e “executora dos acordos do Consello” semella obedecer os intereses das multinacionais.  Vaise tecendo pois un marco normativo en áreas coma a conservación dos recursos pesqueiros, onde só a Comisión Europea pode propoñer normas na pesca. Só a Comisión pode executar estas normas.

A Europa do neoliberalismo, polo tanto, non pretende favorecer o libre mercado. É totalmente falso

Fixémonos na última medida conservacionista da UE: a prohibición do arrastre de fondo. É curioso que, despois de 40 anos rexistrando a actividade da pesca do arrastre na UE, a Comisión entenda agora que esta modalidade de pesca poida supoñer unha ameaza á bioloxía mariña. Tanto en canto a Comisión non xustifica cientificamente esta medida a partir dos 800 mts, dá a entender que o motivo obedece a outros fins, coma ás ansias das multinacionais de buscar novas fontes de cru e gas nos fondos do mar. Como era de agardar, o Goberno español asinou esta medida, co que perigan máis de 8.000 postos de traballo directos no País. 

Mais por que acabar coa pesca extractiva galega? Para permitir que a Europa das finanzas poida seguir expandíndose mediante a exportación de capital. A Comisión Europea, ademáis de encargarse de propoñer a defensa dos recursos pesqueiros, tamén se encarga da negociación da Política Comercial Exterior en nome da UE. Mentras a UE abre o seu mercado a produtos pesqueiros de Vietnam, Filipinas, Chile, Perú… estes deben facilitar a entrada de productos manufacturados da UE, permitindo que as multinacionais accedan a novos mercados e novas materias primas. Non é máis que unha continuidade na fase da expansión da Europa do capital, na que Galiza queda relegada novamente a ser “moeda de cambio” (ver cadro dos Acordos pesqueiros).

Neste contexto, as protestas do sector do cerco, a volanta ou contra a Lei de Acuicultura, dánse como resposta social pola defensa do emprego.

Galiza foi referencia mundial na pesca. Hoxe 60 % dos produtos pesqueiros consumidos son importados. Ú-la resposta política? Dentro da UE semellar non haber futuro para nós. Débese atender esta cuestión gústenos ou non.




 

ACORDOS DE PESCA CON TERCEIROS PAÍSES

ANO:                            1986                                                   2016   

                CEE/UE           8                                                         15 *

     ESTADO ESPAÑOL   20 **                                                     -


* 11 dos cales, convenios para a pesquería de túnidos (beneficiando ás flota vasca e francesa).

** Deses 20, a maioría interesados por armadores galegos.




 

Comentarios