Opinión

Trump, Homeland e Siria

Está ben interesante a sexta temporada de Homeland. É ben ilustrativa. Móstranos como atúa a CIA e como conspira contra a política, como en realidade é ela quen fai a política real, como manobra para que cargos eleitos muden de posición e se orienten cara a determinados intereses, os do complexo militar industrial de cuxo poder advertira á populación norteamericana Eisenhower no seu discurso de despedida da Casa Branca.

Nunca acreditei grande cousa na causa rusófila de Donald Trump -estaba claro que basicamente sobreactuaba e que acabaría vindo ao rego dos ditados do Pentágono-, como tampouco comungo coa roda de muíño de que a derrota de Hillary Clinton se fraguase desde Moscova a golpe de clic e con Julian Assange como armadanzas.

Está claro que o presidente dos EUA é a cobertura política dun sistema imperial e que as lóxicas do imperio son basicamente militares, de dominación do mundo, e de reprodución dunha industria, a armamentista, sen a cal a economía da superpotencia colapsaría. A imprensa internacional de orientación máis ou menos progre ten criticado e con razón as proclamas xenófobas de Trump, mais apenas lle ten dedicado atención aos seus alegatos probelicistas, á súa exixencia de que o mundo libre gaste no mínimo 2 por cento do PIB en defensa (ou sexa, en comprar armas). Rajoy, a xulgar polas contas que acaba de apresentar no Congreso, xa lle está a facer caso.

A mentira é consustancial á guerra desde tempos inmemoriais

Con este contexto chegamos ao suposto ataque con armas químicas desta terza feira en Siria nunha zona autoproclamada como rebelde (xa sabemos que sob este rótulo se agacha un conglomerado de forzas, entre elas os jihadistas que aspiran a facer de Siria unha ponta de lanza no seu proxecto de ditadura teocrática universal). Washington e os seus aliados -Madrid, of course- imediamente sinalaron como responsábel o Exército sirio e apontaron sen o dubidar nen un instante al-Assad como autor da orde do ataque. Imos ver. Apliquemos a lóxica do tenente Colombo, tan admirado por quen isto escrebe. Que sentido ten que al-Assad, cando está a piques de gañar a guerra, após se impor na batalla decisiva de Aleppo, utilice agora armas químicas? Que sentido ten que Rusia, sen a cal Damasco non faría un movimento desas características, fose dar luz verde a unha operación dese calibre? Nen al Assad nen Putin son principiantes. Saben pefeitamente cal tería sido a reacción occidental, que un crime de guerra fortalecería non a súa posición, senón a do inimigo. Se aplicamos a lóxica do cui prodest teríamos entón que pasar de Colombo a Homeland e os seus relatos sobre as operacións de falsa bandeira. A mentira é consustancial á guerra desde tempos inmemoriais. Non fai falta ir ás batallas púnicas, basta lembrar como xustificaron os EUA o masacre do Iraque. Aquel inefábel Colin Powell a abanear un frasquiño que supostamente contiña armamento biolóxico nunha reunión do Consello de Seguranza da ONU. Era falso. A historia do ataque con armas químicas en Siria tal e como nos está a ser contada ten todo o aspecto de que tamén. En todo caso, ten razón Moscova. Que se investigue. Que o faga unha comisión internacional neutral. E que non se condene ninguén sen probas.

O que si é indubidabelmente certo é que o Imperio é sinónimo de guerra. A guerra é a súa forma de existencia. Con Clinton, con Bush, con Obama, con Trump. A lóxica do imperio é puramente militar. Fixa uns obxectivos e utiliza toda clase de medios -talibáns en Afganistán contra a Unión Soviética, Daesh en Siria contra al-Assad- para conseguir os seus fins. Trump quere que o mundo gaste máis diñeiro na industria armamentista norteamericana. Para iso Trump necesita guerras. Non hai máis. As armas de destrución masiva son parte da farsa. Dar Adal -que grande F. Murray Abraham!- voltouno a facer.

Comentarios