Opinión

Patria e nacionalismo humanista

O universo metido en barulleiras bélicas confirma decadencia e destrución. Faise posíbel unha crise económica global, contraendo ineficacia para acometer  novos valores e xestionar o noso propio paraíso nacional e patriótico. Sucede como na multiplicación dos pans e dos peixes: o gran milagre ateigado de confusións, sen recoñecernos colectivamente. A sociedade está nas trincheiras da pobreza, sen palabras para disparar e acertar con forza vital contra as maledicencias da opresións. As decadencias normalízanse cando non se dan respostas contundentes por parte dos agraviados, derivando en metástase das ideas e das accións. A marxinación -nestes tempos- convértese en código flaxelante de sobrevivencia en favor dos que dominan a plusvalía dos desherdeiros da Terra comunal.

O silencio imposto absorbe e elimina a menor crítica dirixida ao poder económico, tan incrustado nos poderes políticos e blindados na discreción e na temeridade das democracias feitas á medida dos poderes fácticos e de modelos ultra capitalistas que manteñen ese dominio omnímodo e castrador, con todos eses aparellos de desinformación que, visiblemente, nos fan inoperantes e máis manipulados por absorbentes manipuladores. Estamos na gaiola da confusión sen percibir as decadencias que nos oprimen. Como masa, perdemos a memoria sobre a confusión que nos depara o conformismo e o declive de sentirnos libres, nesta sociedade deshumanizada e repregada en tódolos grados e códigos que emanan da corrupción. Algunha vez coidamos de que somos pezas amorfas dun encaixe dominante, político e económico, sen considerar que a confusión é a nosa derrota?

Tanto silencio e demasiado acubillo para entender e ter conciencia delo? Anuláronse as transparencias, nada transcende do hálito combativo e sen renuncias, fronte a imposición  de tales e cales foraxidas da explotación. Vivimos nunha sociedade rendíbel e controlada pola avaricia e submisión forzosa. Todo é permitido cando unha clase dominante castra a autoestima e a dignidade individual e colectiva da clase que produce e non controla a súa plusvalía. Marx criticaba e combatía a férrea disciplina que se lle impoñía ao proletariado e campesiñado, alleados de seus propios problemas. O longo período postmarxista mostrounos unha cruenta explotación que converteu aos axentes produtivos no chamado animal laboram.

Mañá, 25 de xullo, celebramos o Día da Patria Galega, consolidada pola acción nacionalista e por poderosos eruditos e consagrados poetas que deron vitalidade á nosa pequena e consistente Patria e por unha extensa camada popular que consolidou a súa autoestima e, sabiamente, rexeitou de todo dominio político que aspiraba a continuar someténdonos a seu ditame de uniformidade. Intentando pór atrancos ao noso proceso social e de liberación nacional. Velaquí as lapidarias pretensións políticas, económicas e culturais: pretensións de consolidar políticas e economías de dominio que debiliten multiformes aspiracións polo que aspira e loita o nacionalismo patriótico, capaz de inxerir un realce humanista ás nosas aspiracións rexeneradoras que continuarán indo en dirección distinta aos que pretenden fusionar a nosa identidade nacional, para liquidarnos como galegos. Hoxe é día grande da Patria galega, maternal e protectora de tantos atributos que guarnecen a nosa nación. Nacionalismo, humanismo, rexurdimento defensivo, lingua e escudo combativo para salvarnos de tanta e organizada exclusión.          

comentarios