Opinión

A veciñanza comuneira galega segue resistindo

O pasado día 24 de agosto a veciñanza comuneira galega rexistrou na Xunta Electoral de Galiza 12.010 sinaturas para que, mediante o sistema da Iniciativa Lexislativa Popular, se tramite no Parlamento Galego unha nova lei de montes veciñais. Este importante número de sinaturas, foron recollidas na súa inmensa maioría nas asembleas xerais das comunidades de montes, un feito que vén a amosar a resistencia da veciñanza comuneira a perder as súas terras e a capacidade organizativa das comunidades de montes para a súa defensa. Pero ademais, estas 12.010  sinaturas foron recollidas en todo o territorio galego. Como se di agora, estas sinaturas teñen un carácter transversal.

O texto para unha nova lei de montes veciñais recollido na Iniciativa Lexislativa Popular foi elaborado polas propias comunidades de montes nun proceso autoorganizativo e asembleario. O contido desta proposta de lei de montes veciñais vai no sentido contrario do proxecto de modificación da vixente lei de montes veciñais presentada pola Consellaría do Medio Rural. Esta pretende o roubo do monte veciñal á veciñanza comuneira para entregarllo de balde ás empresas. A norma elaborada polas comunidades de montes propón o recoñecemento da titularidade veciñal como unha máis e distinta das titularidades pública e privada, camiñar cara o logro dun monte veciñal multifuncional e sustentábel, e que a posta en valor destas terras sexa levada adiante democraticamente pola veciñanza comuneira.

A veciñanza comuneira sempre respondeu para defender as súas terras, impedindo que o monte veciñal se poxara, mediante desobediencia civil, organizándose

A recollida de, polo menos, 10.000 mil sinaturas é condición imprescindíbel  para que a Xunta Electoral de Galiza remita o proxecto de lei recollido na  Iniciativa Lexislativa Popular ao Parlamento galego. A comisión promotora do mesmo ten que expolo e defendelo diante do pleno da Cámara e serán as forzas políticas con representación parlamentar as que decidan democraticamente se o proxecto para unha nova lei de montes veciñais remata o camiño ou inicia a súa tramitación como calquera outra lei.

A democracia non consiste en tragar con rodas de muíño. A democracia consiste en que todas as ideas poidan ser discutidas e logo tomar os acordos de xeito maioritario. Furtar os debates non é democrático. Que as forzas políticas con representación no Parlamento Galego tomen en consideración a proposta de lei de montes veciñais en man común contida na Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola ORGACCMM non significa que aproben todo o contido da mesma. Significa que a lei pode ser tramitada de xeito ordinario e, polo tanto, poida mellorarse mediante achegas presentadas polos diversos partidos políticos e polas entidades relacionadas co monte e co medio rural. Permitir a toma de consideración de lei de montes veciñais contida na Iniciativa Lexislativa Popular é un mero exercicio de democracia.

Mais por simples matemáticas, para que isto aconteza e preciso o voto afirmativo do Partido Popular. Non debería ser moi complicado xa que a postura que tomou o PP nos diversos concellos onde se debateu a Iniciativa Lexislativa Popular para unha lei de montes veciñais foi maioritariamente a abstención e mesmo na Deputación Provincial de Ourense votouna favorabelmente. Ben é certo que, para que isto ocorra, o Sr. Conselleiro do Medio Rural ten que deixar colgada nunha percha a súa fobia contra os montes veciñais (quer privatizalos) e contra as comunidades de montes (quer ilegalizalas).

A recollida de 12.010 sinaturas por parte da veciñanza comuneira galega para que mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular se debata no Parlamento galego unha lei de montes veciñais que defenda a figura singular dos montes veciñais sitúa a veciñanza comuneira de hoxe á altura das veciñanzas comuneiras de todos os tempos. A da resistencia a perder as súas terras comunitarias. Porque a historia do monte veciñal é a historia da resistencia da veciñanza comuneira a perder estas terras. Dende hai 200 anos o monte veciñal en man común padeceu vagas de agresións e hostilidades. A veciñanza comuneira sempre respondeu para defender as súas terras. Onte impedindo que o monte veciñal se poxara, iniciando preitos, mediante desobediencia civil, organizándose... E hoxe, mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular.

Comentarios