Opinión

O Partido Popular, usurpador dos montes veciñais

O pasado día 22 de novembro debateuse no Parlamento da Galiza a proposición de lei, mediante Iniciativa Lexislativa Popular, de montes veciñais. Unha proposta de lei que chegou á Cámara galega co aval de 12.010 sinaturas. O debate tiña como fin a toma ou non en consideración da proposición de lei co fin de iniciar a tramitación parlamentar ordinaria da mesma.

O voto negativo do grupo parlamentar do Partido Popular impediu que a proposición de lei de montes veciñais en man común iniciase a súa tramitación ordinaria. A cuestión non é de estrañar, xa que para este partido político, diante dos intereses da súa clase, a democracia non existe. E esta falla de principios democráticos mesmo o leva a desprezar 12.010 sinaturas da veciñanza comuneira. Porque o que se debatía no Parlamento galego, non era a aprobación do contido da proposta de lei de montes veciñais, era simplemente a súa toma en consideración para que se puidese iniciar a súa tramitación parlamentar e máis adiante poder traballar ela.

Con todo, o debate no Parlamento da Iniciativa Lexislativa Popular para unha lei de montes veciñais que blinde o seu carácter comunal foi clarificador. O Partido Popular sacou a súa careta da confusión e deixou claro que non admite a existencia destas terras comunitarias nas que non se pode facer negocio, e menos admite que sexan xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira. Polo tanto, hai que proceder á súa eliminación.

Non sabemos se por sinceridade ou por fallo de calculo, así o manifestou nitidamente a señora Elena Candia, portavoz do grupo parlamentar do Partido Popular no debate, cando afirmou que unha das modificacións da lei de montes veciñais que pretende a Consellaría do Medio Rural é a de dotar de personalidade xurídica as comunidades de montes. Dotar de personalidade xurídica e eliminar o carácter xermánico dos montes veciñais en man común. E deste xeito, convertelas en titularidades de carácter romano, perdendo as características imprescritíbeis, inalienábeis, indivisíbeis e inembargábeis. Dotar os montes veciñais de personalidade xurídica e abrir as portas para proceder á súa privatización.

Xa fose por sinceridade ou por falla de calculo, é de agradecer a claridade coa que falou a señora Elena Candía. Ao contrario do señor conselleiro do Medio Rural, que sempre tentou confundir, para acadar os mesmos obxectivos. Así, no canto de dicir o que dixo a señora voceira do grupo parlamentar do Partido Popular en sede parlamentaria a semana pasada, o que pretende o PP ao dotar os montes veciñais de personalidade xurídica, tentaba confundir dicindo que o que ao que aspira é a "harmonizar a norma dos montes veciñais coa normativa do Estado". Señor conselleiro, non se pode enganar a todos e a todas durante todo o tempo.

O Partido Popular, impedindo que a Iniciativa Lexislativa Popular para unha lei de montes veciñais fose tomada en consideración, convértese en cabeza de ponte da quinta vaga hostil e agresiva que padeceron e seguen a padecer os montes veciñais ao longo da historia. No PP sitúanse como usurpadores dos montes veciñais en man común como o foi o franquismo. Mesmo con unha diferencia aínda máis negativa. O franquismo usurpoulle os montes veciñais á veciñanza comuneira en favor dos concellos. O Partido Popular vaille usurpar á veciñanza comuneira os montes veciñais para entregarllos de balde aos intereses capitalistas, especulativos e urbanísticos.

A resistencia da veciñanza comuneira fixo que as catro vagas hostís e agresivas contra os montes veciñais non acadaran o seu obxectivo. O mesmo acontecerá con esta quinta vaga capitaneada polo Partido Popular. Xa que logo, este partido pasará a historia como usurpardor fracasado dos montes veciñais.

Comentarios