Opinión

Lei de recuperación da terra: cando calquera lei vale para dar outra coitelada ao monte veciñal

Cando unha lei non específica de montes veciñais formula, mediante unha disposición última, 34 modificacións á lei de montes de Galiza, todas elas referidas aos montes veciñais, actualmente vixente, cabe preguntarse por que se fai? 

Parecería lóxico que se unha lei específica precisa de tal número de modificacións, o procedemento correcto sería iniciar o proceso de modificación da lei específica ou mesmo elaborar un borrador para unha nova lei. Non semella moi democrático proceder a unha modificación de tan gran calado, pola porta de atrás. Por que non se fai deste xeito?

Este proceder fóra de toda lóxica foi o que fixo o Partido Popular na súa Lei de recuperación da terra agraria, unha lei que mesmo confunde dende a súa definición. Pola súa definición debería ser unha lei para a recuperación da terra agraria abandonada para destinala a aproveitamentos agrarios e gandeiros.

Na realidade é unha lei para a recuperación de terra agraria en abandono ou de titular descoñecido, para dedicala a aproveitamentos agrarios, gandeiros e tamén forestais, sobre de todo forestais. Aquí atópase a razón fundamental das 34 modificacións da lei de montes de Galiza, incluída na lei da recuperación da terra agraria. 

As 34 modificacións da lei de montes de Galiza, incluídas na lei de recuperación da terra agraria, todas elas referentes aos montes veciñais en man común, van no camiño de achanzar o terreo para que os montes veciñais en man común poidan formar parte dos chamados polígonos agroforestais. Os interesados nestes polígonos, as empresas madeireiras, saben que para que estes polígonos sexan economicamente rentábeis no aproveitamento forestal precisan un bo número de hectáreas. Estas están nos montes veciñais. Xa que logo, hai que proceder a apropiarse dos mesmos. 

O Partido Popular non tiña claro que por decisión democrática e asemblearia das comunidades de montes, moitos montes veciñais en man común, pasasen a formar partes dos polígonos agroforestais. Mais como estas terras son as claves para a viabilidade económica dos mesmos, había que asegurar a súa incorporación. De feito, os montes veciñais en man común que se incorporan aos polígonos agroforestais serán aqueles que a Consellaría do medio rural os declare en estado de abandono ou de grave abandono. É dicir, aqueles onde lle será usurpada a xestión á veciñanza comuneira para entregarlla a empresas forestais ou madeira que terán a capacidade de decidir.

Para usurpar monte veciñal vale todo. Hoxe foi a lei da recuperación da terra agraria

Ás veces hai palabras máxicas que non din o que parece que din, mais que teñen un efecto narcotizante. Unha delas é a do monte en estado de abandono.

Escoitando esta palabra puidera parecer que estamos ante un monte explotado de forma agresiva e esquilmadora. Mais non é así. Para a Consellaría do medio rural un monte veciñal en estado de abandono é aquel na que a comunidade de montes non cumpre a tempo con cuestións meramente burocráticas como pode ser non enviar a tempo o listado da veciñanza comuneira ou non elixir a tempo unha xunta reitora. En ambos os dous casos, a usurpación da xestión das súas terras a veciñanza comuneira e por un período de 50 anos.

Para usurpar monte veciñal vale todo. Onte foi a lei de simplificación administrativa, hoxe a lei da recuperación da terra agraria. E mañá pode ser calquera cuestión que se lle ocorra ao ser conselleiro ou aos sectores empresariais que dirixen a política de montes. 

Comentarios