Opinión

Lei de ordenación do litoral: os montes veciñais non existen

Vén de rematar a consulta pública do anteproxecto da lei de ordenación do litoral elaborado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Como fica claro no texto do anteproxecto, para a súa elaboración, non foron consultados representantes das comunidades de montes, a pesar de que no litoral existen montes veciñais. Pola contra, si que foron consultados intereses empresariais e mesmo especulativos que existen nesa franxa do territorio.

Amosando claramente que intereses defende o Partido Popular. Polo tanto, ao contrario do que manifesta a señora conselleira, a elaboración deste anteproxecto non foi participado. Como moito, foi participado de xeito amañado.

O anteproxecto da lei de ordenación do litoral certifica a confiscación á veciñanza comuneira destas terras comunitarias, que non privadas, nesta franxa do territorio galego. Coincidindo plenamente co contido, neste apartado, coa lei de Costas do goberno español. E esta confiscación dos montes veciñais lévaa adiante a actual conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que non fai moito tempo, foi conselleira do Medio Rural. Xa que logo, a esta señora conselleira non se lle pode conceder o beneficio da dúbida por descoñecemento. Hai que concederlle a intención da mala fe.

Certamente o que fai esta Consellaría con este anteproxecto e seguir o obxectivo político do Partido Popular a respecto dos montes veciñais. Que non e outro que o de roubarlle estas terras comunitarias á veciñanza comuneira. Como quedou perfectamente demostrado cando no pasado mes de novembro este partido rexeitou a lei de montes veciñais en man común contida nunha Iniciativa Popular. Unha proposta de lei elaborada democraticamente por un número importante de comunidades de montes e que viña avalada por 12.010 sinaturas.

O anteproxecto de ordenación do litoral amosa tamén que o cinismo político do Partido Popular non ten límite. Vai facer un ano, a proposta do grupo parlamentar do BNG, o Parlamento galego aprobou por unanimidade que a Xunta de Galiza demandase ao goberno central o inicio dos trámites precisos para proceder á reforma da lei de Costas de xeito que as titularidades de carácter comunitario como son os montes veciñais en man común puidesen existir legalmente dentro da zona de dominio público marítimo terrestre e do deslinde de costas, sometidas en todo caso aos límites de uso e autorizacións que se consideren necesarias.

O que propuxo o grupo parlamentar do BNG, e que foi aprobado por unanimidade no Parlamento Galego, foi que, asumindo todas as normas de protección, estas terras comunitarias, unha forma de propiedade propia de Galiza, non fosen confiscadas polo Estado Español. Con todo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no canto de trasladar este acordo ao anteproxecto de ordenación do litoral, o que fai e aceptar o roubo destas terras á veciñanza comuneira.

Este anteproxecto de lei de ordenación do litoral tamén suscitou un debate sobre competencias. Que a crítica a este anteproxecto do señor secretario xeral de Medio Ambiente do Goberno central non fose sobre os contidos, senón que invadía competencias do Estado Español só amosa que as competencias de Galiza son cativas. Cativas no litoral, no territorio e en todos os eidos da nosa nación. Xa que logo, é preciso ter competencias (léase soberanía).

Debater sobre a necesidade de que Galiza teña competencias en costas e que os contidos do anteproxecto permitan un desenvolvemento sustentable social, medioambiental e económico desta franxa do territorio galego, non son debates paralelos. Son debates complementarios que se poden e se deben dar ao 
mesmo tempo.

Comentarios