Opinión

Homenaxe da veciñanza comuneira a Llorenç Soler

O Concello de Mazaricos lembrará o cineasta valenciano no marco do Día da Loita da Veciñanza Comuneira

Recentemente finou o cineasta valenciano Llorenç Soler. Un cineasta especializado en documentais. O seu cine é unha crónica social comprometida cos estamentos sociais non representados nos medios de comunicación social.

Os protagonistas son a veciñanza anónima actuando como grupos sociais. Os argumentarios, a loita desta veciñanza contra as agresións do capitalismo.

Non sendo galego, realizou catro documentais/películas relacionadas con temas da nosa nación, algunha delas de carácter reivindicativo. I Seminario de Arquitectura en Compostela (1976), Gitanos sin romancero (1976), Autopista, unha navallada á nosa terra (1977) e O monte é noso (1978). Películas valentes, xa que foron realizadas en tempos difíciles. Nun tempo no que se saía da ditadura franquista e aínda non fora sometida a referendo a Constitución.

E, ademais, foron realizadas no idioma galego.

A película O monte e noso foi realizada no mes de agosto do 1978, auspiciada pola Coordinadora de Montes Comunais e contou co asesoramento do Círculo de Información e Estudos Sociais (CIES). A Coordinadora de Montes Comunais foi o primeiro intento da veciñanza comuneira de organizarse a nivel galego logo da usurpación dos montes veciñais polo franquismo. O Centro de Información e Estudos Sociais era unha asociación interprofesional nacida co fin de acometer estudos e dar alternativas aos graves problemas sociais que tiña formulado Galiza, sobre todo nunha liña de servizo das clases populares.

A película-documental O monte é noso reflicte de maneira fidedigna a loita da veciñanza comuneira daqueles tempos por recuperar as súas terras comunitarias usurpadas pola ditadura franquista a favor dos concellos e deputacións. E amosa as diversas formas desta loita: reclamacións diante das administracións, paralización de cortas de madeira e de obras de urbanizacións nos montes, manifestacións... reflectidas, aínda que houbo máis, na veciñanza comuneira das parroquias de Hío (concello de Cangas), Balea (no Grove), Vilagarcía de Arousa, Oliveira (no concello de Ponteareas), Salcedo (no concello de Pontevedra). Amosando tamén que esta loita da veciñanza comuneira non foi doada. Padeceron multas, foron levados ao cuartel da Garda Civil... Tamén houbo intimidación do caciquismo, vixilancia das forzas da orde pública...

A película-documental O monte é noso non queda na acción reivindicativa da veciñanza comuneira. Amosa tamén o traballo organizativo (organizando a veciñanza das parroquias), o traballo divulgativo (tramitación dos escritos para solicitar a devolución dos montes veciñais). En definitiva, reflicte a loita da coordinadora de montes de Pontevedra e demostra o acerto daquelas persoas que a constituíron, xa que logo do traballo desta coordinadora de montes, os montes veciñais foron recuperados pola veciñanza comuneira.

A película-documental é tamén un retrato sociolóxico. Deixa claro como a ideoloxía fascista cando quer eliminar unha realidade ou non a nomea ou muda o seu nome. Isto óllase perfectamente na película. A veciñanza comuneira que intervén (maiores de 50 anos) falan sempre de monte veciñal (aínda tiñan na memoria a súa existencia). A coordinadora de montes (composta de persoas de menos de 30 anos) chamábase Coordinadora de Montes Comunais (xa se perdera a memoria da súa existencia).

O Instituto Galego das Terras Comunitarias (Ingateco) e a Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm), coa colaboración do Concello de Mazaricos, van render unha homenaxe ao cineasta Llorenç Soler. Terá lugar o sábado 21 de xaneiro de 2023 en Mazaricos dentro da programación da II Edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira. Dentro desta celebración, farase un recoñecemento na figura do Llorenç Soler a todas aquelas persoas que tiveron a coraxe de utilizar medios gráficos ou audiovisuais para denunciar agresións aos territorios e amosar a loita da veciñanza para parar estas agresións. Traballos como os que fixo Llorenç Soler ficarán para sempre no imaxinario colectivo da veciñanza comuneira.

Comentarios