Opinión

Crónica anunciada dun ataque ao monte veciñal

No ano que andamos aprobouse a primeira revisión do plano forestal de Galiza. No apartado referente ao monte veciñal quedaba nitidamente escrito que o obxectivo cara a estas terras comunitarias era dobre. Por unha banda, sacarlle a xestión destas terras á veciñanza comuneira e, por outra, eliminar o carácter xermánico da titularidade veciñal. Para decatarse deste obxectivo basta con ler o que está na primeira revisión do plano forestal de Galiza: “Respecto aos montes veciñais faise necesaria regular de forma realista de este tipo de propiedade e a condición de comuneiro”.

A finais do presente mes vaise debater no Parlamento galego a Lei de acompañamentos aos orzamentos xerais da Xunta da Galiza. Nos mesmos, o Partido Popular propón varias modificacións á Lei de montes veciñais. Unha destas modificacións refírese á inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade veciñal. E a alternativa que dá é entregarlles os montes veciñais nesta situación aos concellos, non como xestores cautelares senón como titulares provisionais.

Estamos de acordo de que hai que formular unha alternativa para os montes veciñais onde non exista comunidade veciñal. Mesmo poderiamos estar de acordo en que estes montes veciñais fosen xestionados polos concellos como xestores cautelares, nunca como titulares provisionais. Se a idea da Consellaría do Medio Rural fose esta, a xestión debería ter límites como poderían ser que nestes montes veciñais non se puidesen levar adiante actos de disposicións (alugueres, dereitos de superficie....), nin expropiacións, nin cesións a terceiros.

Mais a idea da Consellaría do Medio Rural non é esta. A idea é confiscarlle a titularidade da veciñanza comuneira e traspasarlla aos concellos, mesmo alterando os límites municipais e a lei de réxime local, cando afirma que se un monte veciñal ten a superficie en varios concellos será xestionado polo concello no que haxa máis superficie de monte veciñal.

Outra das modificacións á lei de montes veciñais en man común proposta polo Partido Popular na lei de acompañamentos é a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradado. Define un estado de abandono cando o mesmo sufrise unha grave deterioración ecolóxica, non sexa explotado de acordo cos seus recursos ou sufra unha extracción abusiva dos mesmos.

Poderiamos estar de acordo nesta definición dun monte veciñal en estado de grave de abandono ou degradado. Mais a modificación presentada polo Partido Popular no informe que ten que emitir para tal declaración engade que tamén se pode declarar un monte en estado de grave abandono ou degradado se as comunidades de montes non cumprisen os deberes e as obrigacións establecidas na normativa vixente. Por exemplo, que a comunidade de montes non envíe en tempo e forma a actualización do censo da veciñanza comuneira. Que terá que ver este incumprimento burocrático cunha extracción abusiva dos recursos do monte veciñal? Non ten nada que ver absolutamente. O único obxectivo que ten é darlle un motivo máis á Consellaría do Medio Rural para roubarlle a xestión á veciñanza comuneira para entregarlla de balde e por un período de 50 anos ás empresas madeireiras e forestais.

É tal a ansia que ten a Consellaría en roubarlle á veciñanza a xestión das súas terras comunitarias que cae en flagrantes contradicións.

Así, o proceso para a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradado paralizaríase se se presenta un novo plano de ordenación. Os planos de ordenación son documentos técnicos que son acordados pola veciñanza comuneira, elaborados por persoal cualificado e aprobados pola Consellaría do Medio Rural tendo esta a obriga legal de vixiar o seu cumprimento. Polo tanto, se nun monte veciñal con plano de ordenación se dá unha extracción abusiva dos seus recursos, parte da culpa sería da consellaría. Xa que logo, tamén habería que declarar o señor conselleiro e todo o seu equipo dirixente en estado de grave abandono ou degradado.

Ante esta situación de suma gravidade para os montes veciñais, a Orgaccmm solicitou dos grupos parlamentares do Parlamento da Galiza que promovesen iniciativas para que se retirasen as modificación na Lei de acompañamento ao respecto da Lei de montes veciñais.

Comentarios