Opinión

Agora resulta que é un ácrata

Nunha das últimas reunións da comisión de agricultura do Parlamento Galego, a parlamentaria do BNG, a señora Carme Arias, preguntou acerca dunhas presuntas irregularidades que se podían estar producindo  na comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Vilaxuste no concello de Portomarín, algunhas delas mesmo podían inculcar a lexislación vixente, e están a xerar conflitos entre a veciñanza comuneira .

Ante esta pregunta, o señor director de Ordenación e Planificación Forestal, dirixente político da Consellería do Medio Rural, no canto de preocuparse da cuestión, de anunciar que sentaría as partes para tentar de buscar unha alternativa da que saísen beneficiadas tanto a comunidade de montes como a veciñanza comuneira, no canto disto, o señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal solta unha barrabasada e di: "O que pasa nesa comunidade de montes é correcto xa que son acordos tomados na súa asemblea xeral".

É dicir, que o acordo dunha asemblea xeral anula calquera lexislación vixente. Sorpresas dá a vida. Agora resulta que o señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal é un ácrata ou un anarquista, na acepción popular destes termos. Non no senso ideolóxico dos termos, dado que o sr director xeral de Ordenación e Planificación forestal só ten unha ideoloxía, a de servir e servir con nota os seus superiores.

O cinismo do señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal e de primeira división. Aplica ese acratismo/anarquismo  sui géneris  só nas comunidades de montes que teñen conflitos. Porque o seu obxectivo é que as comunidades de montes non funcionen, que a veciñanza comuneira se líe en conflitos, ás veces fomentados pola mesma Consellería do Medio Rural, para que abandonen a xestión das súas terras comunitarias para poder declaralos  en estado de abandono e entregarllas de balde ás empresas forestais e madeireiras ou de calquera outra índole.

Segundo a teoría ácrata/anarco do señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, se unha comunidade de montes na súa asemblea xeral acordase non tributar no imposto sobre sociedades, non investir o 40% dos ingresos do monte veciñal na mellora e protección forestal do monte ou non enviar o listado da veciñanza comuneira anualmente, non pasaría nada. Non pasaría nada xa que serían acordos tomados nas asembleas xerais das comunidades de montes.

Mais non. Para estes casos, o señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal transfórmase en férreo gardián das esencias das lexislacións e dita que estas comunidades que non cumpran a lei, aínda que sexa en cuestións minimamente burocráticas, serán declaradas en estado de grave abandono ou degradación, para tamén entregalas de balde ás empresas forestais e madeireiras. Xa que logo, para o señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal tanto dá xo que arre. Estas dúas palabras, aínda que antónimas, conducen ao mesmo porto, o de roubarlle os montes veciñais á veciñanza comuneira.

A cousa non para aquí. Como se estivese nunha pista de calquera circo, o señor director xeral de Ordenación e Planificación Forestal transfórmase nun ditador e pretende ilegalizar a Orgaccmm. Para tal fin, négase, porque lle dá a gana, a emitir un certificado da composición da xunta reitora da Orgaccmm e, xa que logo, esta non pode solicitar o selo dixital para xestionar calquera cuestión diante das distintas administracións.

Parafraseando o credo católico, estamos diante de tres persoas distintas e un só inimigo do monte veciñal verdadeiro.

Comentarios