Opinión

Rueda gaña no rural a absoluta

O PP revalidou a súa maioría absoluta con 40 sobre 75 deputados e un 47,35 % dos votos (47,9% no 2020), malia que sobiu algúns milleiros nun contexto de moi importante participación: 67,3% fronte ao 58,84% do 2020 (en ambos os dous casos sen contar co censo de non residentes). O PP alicerzou a súa maioría nas sobrerepresentadas circunscricións de Lugo e Ourense e, en xeral, no medio rural. Tamén, por certo, no rural das circunscricións coruñesa e pontevedresa, amosando unha importante diferenza  entre o comportamento electoral das principais poboacións fronte ao conxunto do territorio .

Porque o BNG foi a primeira forza política na nosa cidade máis poboada deste país (Vigo), en toda a súa Ría e no Morrazo e, sumados os seus votos aos do PSdeG, sobrancea sobre o PP noutras áreas urbanas da Galicia atlântica. nomeadamente  A Coruña, Pontevedra, Compostela, a Barbanza e Ferrolterra, Con case 470.000 votos (31,55%) racha todos os rexistros e demostra non ter teito. O seu avance na Galicia urbana reflectiu a existencia dun indubidábel voto de cambio, que non foi abondo para facer Ana Pontón presidenta deste país. 

Mais o afundimento do PSdeG. que baixou do 19,4% de votos e 14 escanos  ao 14% e só 9 representantes, frustrou de vez a posibilidade de remuda. Sendo grande a perda de votos foi moito máis importante a perda de escanos, pola inmisericorde aplicación da regra D-Hondt, que beneficiou nomeadamente a um PP que acada o 53,33 % dos escanos cun 47,35% de votos. Ao tempo, certificouse a total liquidación na Galicia do espazo da esquerda dos comúns:  Sumar, co 1,89% , ainda quitou menos votos ca Vox e Podemos (0,25%) menos ca o Pacma.  Malia todo, a suma de BNG, PSdeG e Sumar fican por riba do número de votos do PP, amosando a pluralidade do noso mosaico social.

Democracia Ourensana obtivo un bo resultado na cidade de Ourense e Barbadás, que prexudicou nomeamamente aos resultados do PSdeG. Porén, o seu deputado será irrelevante, constituíndo unha simple a anécdota da noite electoral.

 Rueda e Feijóo aprobaron con nota a proba. Funcionou a estrutura e capilaridade social do PP superando os seus indubidábeis erros e chatas de campàña. O PP manterá na súa integridade o Poder galego e, presumíbelmente, as súas políticas. Unhas políticas que prexudicaron obxectivamente a nosa economía, o noso autogoberno, a nosa sanidade e os nosos servizos públicos durante estes quince anos. Mais  o pulo a prol da remuda da metade do electorado do país non foi abondo para abrir un novo tempo.

Porén, Ana Pontón e o BNG son responsábeis diante desa Galicia activa e dinámica que os votou para seguir a ampliar a base social e amosar que teñen a mellor diagnose e solucións aos problemas deste país. Para seguir a gañar, día a día, a confianza da nosa cidadanía  Ana Pontón é o referente para unha parte moi importante da nosa cidadanía. Se non foi desta será, con moi alta probabilidade, na vindeira.

Comentarios