martes 29/09/20

Restaurarmos a autonomía financeira dos concellos

Da nidia derrota parlamentaria do Goberno do Estado (156 votos a prol do PSOE, UP e común cataláns e Tereuel Existe fronte aos 193 votos en contra do resto da Congreso) tiramos dúas ensinanzas. A primeira que foi o propio Goberno de Pedro Sánchez, nomeadamente a ministra Montero, a que xerou o seu fracaso coa súa fachenda e falla de flexibilidade política. A segunda que os concellos precisan una nova normativa que lles permita atender ás necesidades sociais e económicas locais xeradas pola pandemia da Covid-19 que supere os principios de estabilidade orzamentaria da Lei Montoro (2012), de maneira permanente ou, no peor dos casos, de maneira temporal para sairmos da circunstancia actual de crise pandémica e contracción económica, que non fan senón agravar a necesidade dun acordo para garantir a autonomía financeira local.

PSOE e UP (nomeadamente o PSOE) adoito non se decatan que só xuntan 155 deputados sobre 350 e que precisan dos soberanistas galegos, cataláns, vascos e valencianos (BNG, ERC, JuntsxCat/PdeCat, CUP, PNV, EH-Bildu e Compromís) e dos nacionalistas canarios para quitar adiante os seus proxectos no que se refire ao programa de goberno, que incluía, desde logo, a derrogación da lei Montoro. Os dez deputados de Cs xeran algunas posibilidades de xeometría variábel, mais en último de contas impiden unha estabilidade de apoios tanto nas cuestións sociais e económicas como nas territoriais.

Moitos avisamos a primeiros de agosto que isto ía pasar, que o Decreto-Lei ía ser derrogado polo Congreso. Mais o Goberno do Estado non quixo mudar substancialmente o seu posicionamento, “Non hai outra solución”, dixo a ministra Montero. Semella que a fachenda e o inmobilismo político fosen no ADN do Goberno de coalición. E velaí as nidias resultas desta falla de política. Certo é que o BNG e as demáis forzas soberanistas ficaron retratados como defensores dos concellos, mais o indesexábel efecto colateral foi que o PP, responsábel da liquidación da lei Montoro que liquidou a autonomía financeira local, amosase una faciana de partido aberto ás reivindicacións municipalistas, cando as tres forzas da dereita son a antítese das políticas que cómpre implementar nos concellos.

Coa derrogación deste Decreto-Lei voltamos ao ponto cero: á ncesidade dunha substancial reforma da lexislación de Montoro que restaure a autonomía financeira dos concellos, para que éstes poidan investir os seus remanentes de tesouraría e os superávits orzamentarios en finalidades de investimentos infraestruturais, produtivos e sociais no canto de ter que aplicalos a reducir o endebedamento. Que nesta crise económica e sanitaria Pontevedra poida investir a prol da súa veciñanza os 17 M€ do seu aforro ou Vigo os 45 M€ do seu. Que os concellos poidan ser axentes sociais e económicos activos na reconstrución.

Até o ex ministro Montoro dixo que cumpría suspender a súa lei de ferro da estabilidade orzamentria. Vai ser Montero peor canto a recurtes ca Montoro?

Restaurarmos a autonomía financeira dos concellos
comentarios