Opinión

Un perímetro axeitado para a amnistía catalá

O Congreso vai aprobar nesta vindeira quinta, 14-M, o que probábelmente ha ser o texto definitivo da lei que amnistiará os delictos vencellados ao procès, pois que o previsíbel veto do Senado (onde o PP ten maioria absoluta) ficará sen efecto tan logo a proposta lexislativa volte ao Congreso e éste anule o veto devandito e aprobe xa a lei.

A aprobación foi posíbel polo acordo entre PSOE, ERC e JuntsxCat a respecto dunhas emendas transacionais que definiron de vez o perímetro dos delictos que van ser borrados pola amnistía. Unhas emendas transacionais posíbeis tanto pola intelixencia política de JuntsxCat ao rexeitar no Pleno do 30-X a pouco acaída versión normativa que daquela se votou, mantendo vivas as súas emendas como polo acerto do traballo conxunto de ERC e JuntsxCat que esqueceron esta vez a súa competencia electoral para traballar nunha única proposta técnico-xurídica ben alicerzada para lle propor conxuntamente ao PSOE.

Xa que logo, a amnistía vai acadar todos os delictos, delictos leves e condutas xeradoras de responsabilidade administrativa  e contábel posteriores ao 1 de novembro de 2011 e anteriores ao 13 de novembro de 2013 vencellados á consulta cidadá convocada para o 9-N de 2014 e ao referendum do 1-Ou de 2017, incluídos os seus actos preparatorios e máis as accións públicas para permitir este último e as de protesta posteriores aos mesmos e ao procesamento e condena dos seus responsábeis. Desta definición só ficarán excluídos:

i) Os delictos dolosos com resultado de morte ou determinadas lesións cualificadas.

ii) Os delictos graves de torturas e tratos inhumanos ou degradantes.

iii) Os delictos de terrorismo consonte coa definición da Directiva europea 2017/541 e que, ao tempo, causaran de xeito intencionado graves violacións dos dereitos humanos ao abeiro do disposto no dereito internacional humanitario e no Convenio Europeo dos Dereitos Fundamentais que define o ámbito da protección destes dereitos no Estado, consonte co Constitución.

iv) Os delictos alicerzados en motivacións racistas ou discriminatorias.

v) Os delictos de traición, contra a paz e independencia do Estado e relativos á defensa militar sempre que houber unha ameaza efectiva e real de uso da forza contra o Estado nos termos sinalados na Carta das Nacións Unidas e na súa Resolución 2625(XXV) do 24-Ou de 1970, así como os delictos contra a comunidade internacional.

vi) Os delictos de malversación cando tivesen como resultado un arrequecimento persoal do autor ou de terceiro ou atinxisen aos intereses financeiros da UE. Inclúense. porén, na amnistía o destino de fondos públicos ás finalidades da consulta e referendum de 2014 e 2017 e da preparación ou reivindicación da independencia de Catalunya.

O perímetro definido é o acaído tendo en conta a necesidade de que a amnistía respecte as regras do Dereito Europeo e Internacional, así como o marco de protección dos dereitos humanos e prognostica o fracaso das eventuais cuestións prexudiciais que poidan remesar no próximo futuro os Tribunais españois ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea preguntando sobre a adecuación da amnistía ao ordenamento xurídico europeo.

Cómpre, en último de contas, lembrar que a amnistía é unha ferramenta lexislativa certamente excepcional nas democracias avanzadas, malia que a Comisión de Venecia na súa función consultiva do Consello de Europa teña documentado doce iniciativas análogas nos últimos anos no ámbito europeo. Esta excepcionalidade ha respostar a unha finalidade tamén extraordinaria, que neste caso é a restauración da convivencia democrática na Catalunya, negativamente afectada pola desproporcionalidade da persecución xudicial da Sala do Penal do Tribunal Supremo, de determinados órganos xudiciais penais da chamada “Audiencia Nacional” e tamén por algúns radicados no territorio catalán a respecto dos feitos supostamente delictivos que agora van ser obxecto da amnistía.

Comentarios