Opinión

Núñez Feijóo e os lumes

O Presidente recoñeceu este día no Parlamento que o operativo da Xunta foi totalmente sobardado polos lumes do 15-O. Mais Núñez Feijóo considera que ningún dispositivo de extinción podería parar unha vaga de lumes coma aquela, por mor das condicións de temperatura, vento e seca e polo suposto terrorismo organizado causante dos lumes.

O que non di o Presidente é que coa fin de setembro considerou finiquitada a tempada de risco máximo de lumes, prescindindo dos servizos de 436 traballadores (máis de 60 brigadas). Mais daquela a seca era xa grave e os prognósticos daban temperaturas altas e nada de auga para os días seguintes. O 11 de outubro sabíase xa que para a fin da ponte do 12 habería ventos moi fortes e temperaturas altas e non se adoptaron medidas nin se constituiu un Mando Único. É evidente que con eses 436 integrados, a alarma dada a tempo e un Mando Único operativo as vivendas e infraestruturas viarias e enerxéticas terían sido moito mellor defendidas e  on habería 49.000 ha. queimadas.

O que non di o Presidente é que coa fin de setembro considerou finiquitada a tempada de risco máximo de lumes, prescindindo dos servizos de 436 traballadores (máis de 60 brigadas)

 

Por outra banda, case un mes despois non hai evidencia ningunha da existencia de bandas organizadas. Núñez Feijóo coñece a macropescuda dirixida hai poucos anos polo pasado fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que ditaminou a orixe intencionada da maioría dos lumes, mais tamén a inexistencia de bandas organizadas. Despois dun mes sen novas sobre os terroristas o argumento do Presidente comeza a insultar a intelixencia da cidadanía.

O 11 de outubro sabíase xa que para a fin da ponte do 12 habería ventos moi fortes e temperaturas altas e non se adoptaron medidas nin se constituiu un Mando Único

 

Canto ao pacto de país contra os lumes, o Presidente emenda á totalidade as súas políticas de prevención e extinción desenvolvidas estes oito anos e medio. Máis Banco de Terras, volta aos 50 m. de mínimo da planta de eucaliptos a respecto das vivendas, medidas de ordenación forestal…Algúns dos eixos fundamentais da política do conselleiro Suárez Canal (BNG) posterior á vaga de lumes do 2006 que Núñez Feijóo deconstruiu ao chegar á Xunta no 2009. 

Benvido sexa este necesario pacto de País. Mais Núñez Feijóo ten que adoptar, para ser críbel, medidas reparadoras da  ineficacia do seu Goberno. Semella que a conselleira do Medio Rural, Angeles Vázquez, e o director xeral de Ordenamento Forestal, Tomás Fernández-Couto, haberían pagar co cesamento pola súa demostrada incompetencia. 

Comentarios