Opinión

Devalo electoral no PPdeG?

Electomanía ven de publicar unha nova edición do seu Galaicopanel que reflicte  unha máis ca probábel perda da maioría absoluta do PP e unha maioría alternativa de centroesquerda. Deste xeito, ao PP se lle atribúen 37 escanos cun 42,3% dos votos (fronte a case o 48% e 42 escanos acadados nas nacionais galegas de xullo de 2020), mentres o BNG sobiría tres escanos (de 19 a 22) e 2,4 pontos (do 23,8% ao 26,2%). O PSdeG mantería os seus 14 escanos, cun 19,4% dos votos, mentres Galicia en Común voltaría ao Parlamento, con 2 escanos, no limiar do 5% esixido legalmente e próximo a perder, xa que logo, a súa representación. Vox, cun 4,8%, non acadaría representación. Deste xeito o conxunto das forzas progresistas quitarían 38 representantes fronte aos 37 do PPdeG, polo que Ana Pontón (BNG) podería ser a vindeira Presidenta da Xunta.

Cómpre dicir que esta enquisa ten un valor limitado, tendo en conta que cunha marxe de erro do 2,3% a adxudicacion dos restos podería dar uns resultados finais ben diferentes. Mais indubidábelmente sinala unha tendencia, pois que achega 548 entrevistas novas a unha base previa moi superior. Serve, xa que logo, para estudar como evolúe a percepción do corpo electoral galego. Cun 50,6% de voto progresista fronte ao 42,3% do PP a fenda semella abonda como para albiscar a probabilidade relativa dunha remuda no Goberno deste país.

Os case cen días do Goberno de Alfonso  Rueda non lle serviron ao pontevedrés para mellorar de xeito significativo nin o seu coñecemento nin a súa avaliación cidadá. Tampouco semella que lle valesen para consolidar o seu liderado social nin no propio PPdeG. O 11,5% da inflación galega sobarda en case un ponto a estatal en en máis de tres a da UE, mais a cidadanía galega descoñece ningunha medida correctora adoptada pola Xunta, que mesmo suprimiu o bono de alimentos para persoas en risco de exclusión introducido no tempo da pandemia. A asistencia primaria e mesmo algúns servizos da hospitalaria, como a Medicina Interna, viven o seu annus horribilis mentres a peor campaña de lumes dende 2017 amosou a improvisación e falla de planificación diunha Consellaría do Medio Rural que o 10 de xullo non tiña operativas aínda as brigadas de extinción na Terra de Lemos, Val de Quiroga e O Caurel.

Velaí que esta falla de liderado e ideas estea a pesar como chumbo no ánimo de relevantes persoeiros populares que mesmo confían na eventual coincidencia das eleccións estatais coas nacionais galegas, contra a fin do 2023, para que Núñez Feijóo poida darlle a volta a esta onda devalante.

Neste senso, se Alfonso Rueda non é quen de mellorar susbstancialmente o mapa de gobernos locais do PP nas vindeiras municipais esta indesexábel coincidencia electoral será aínda máis factíbel.

comentarios