Unha enquisa dá a chave do Goberno galego ao BNG

A sondaxe de 'Electomanía' dá 37 escanos ao PP, que podería perder a Xunta da Galiza fronte á suma de BNG, PSdeG e Galicia en Común (38).
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda perdería a Xunta da Galiza. (Foto: Europa Press)

O cambio político podería chegar na Galiza se as eleccións decorresen hoxe. Esa é a principal conclusión que se pode extraer da enquisa que vén de publicar o portal Electomanía.

Así, o PP de Alfonso Rueda gañaría 37 dos 75 escanos do Parlamento galego (42,3% dos sufraxios), polo que ficaría un por baixo da maioría absoluta da que hoxe goza, con 42.

En segunda posición situaríase o BNG, con 26,2% dos votos emitidos que se traducirían en 22 escanos, tres máis dos que obtivo a candidatura de Ana Pontón nos comicios de 2020.

Co mesmo número de deputadas e deputados que ten na actualidade seguiría o PSdeG-PSOE, 14 (19,4%), agora liderado por Valentín González Formoso, quen previsibelmente será o 'cabeza de cartel'.

Con dous escanos e 5% dos votos, ao bordo do limiar que permite a representación parlamentaria, ficaría a coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, no caso de repetir a fórmula electoral as formacións que a integraron dous anos atrás.

Deste modo, BNG, GeC e PSdeG reunirían 38 parlamentarios e parlamentarias, a cifra que dá a chave do Goberno na Galiza, xa que Ciudadanos (0,9%), Vox (4,8%) e as demais formacións non obterían representantes.

Comentarios