Opinión

Algoritmos (II)

Hai dúas décadas o semiólogo e novelista Umberto Eco reflexionou sobre o papel dos intelectuais na política. Despois de clarificar a definición de intelectual como aquela persoa que é creativa (aínda que a súa ocupación sexa a labranza), quer no sector das ciencias quer nas humanidades, definiu o que para el eran as catro actitudes clásicas dos intelectuais diante do poder. Explicou así o desenvolvemento político de Ulises (na Ilíada actúa como intelectual orgánico, para despois de dar o consello do cabalo de Troia, desentenderse do destino dos fillos de Príamo), Platón (asociado ao tirano de Siracusa fracasa no intento de aplicar o seu modelo filosófico á política), Aristóteles (sendo preceptor de Alexandre o Magno, nunca lle deu consellos precisos na arte de gobernar) e mais de Sócrates (criticando a cidade onde vive e aceptando a condena a morte, para mostrar ao pobo como respectar as leis).  

Quizais os intelectuais máis creativos desta época que nos tocou vivir son aqueles que ampliaron as marxes conceptuais para o deseño de algoritmos. Son eles, no uso dos mesmos, os que marcan tendencias, prevén o futuro a curto prazo e, en definitiva, modelan as decisións políticas. Teñen, nunha mestura típica destes tempos, algo de Ulises (deseñan o produto e desenténdense dos efectos que este poida ter na sociedade), de Platón (tal parece que os seus experimentos conducen ao desastre), de Aristóteles (non dan consellos específicos, gardan a fría distancia dos números) e de Sócrates (aínda que só sexa no seu destino presentido de ser os primeiros en caer se a ao xefe lle saen mal as contas).

Estes perpetradores de algoritmos adoitan ser acríticos co sistema ao que alimentan, e poucas veces van máis alá do que se entende por intelectuais orgánicos nos partidos de esquerdas. Mais non os vou sinalar como responsábeis últimos da dirección errada que semella levar a nosa sociedade. Cando menos non cumpren ese papel infame de oráculos do desastre. Son, aínda que non o saiban, servos dos seus amos.