Opinión

Algoritmos

Temos escoitado falar de algoritmos e adoitamos, eu incluído, ter unha idea vaga de que son en realidade. Nestes casos de ambigüidade conceptual, o mellor é recorrer ao consello dun experto ou, no seu defecto, pescudar na rede de redes para obter unha definición. Nunha pescuda rápida atopei, entre outras, a seguinte, que por canónica, reproduzo: "En matemáticas, lóxica, ciencias da computación e disciplinas relacionadas, un algoritmo é un conxunto de instrucións ou regras definidas e non-ambiguas, ordenadas e finitas que permite, de xeito típico, solucionar un problema, realizar un cómputo, procesar datos e levar a cabo outras tarefas ou actividades". Así, por exemplo cando queremos relacionar dúas ou máis variábeis, o algoritmo sería a fórmula que as relaciona e é quen de predicir un resultado. A relación entre a lonxitude e o peso dun organismo, poñamos un peixe, sería un exemplo sinxelo dun algoritmo, que coñecendo unha variábel (a lonxitude), pode predicir outra (o peso).

Hai meses, lin nun libro de Constantiño Bértolo a seguinte frase lapidaria: "El algoritmo es la ideología de nuestro tiempo". Pasada a fronteira da negación da maior: non existe un algoritmo, senón infinidade deles, tantos como relacións entre variábeis, dinme de conta da magnitude da reflexión. Sen caer en teorías arriscadas sobre o seu uso malvado, é verdade que, estando conectados os ordenadores e outros trebellos, os nosos datos persoais están, queirámolo ou non, en varias bases de datos, que, por intermedio de algoritmos, se relacionan entre elas, e poden, senón predicir con exactitude, si cunha certa probabilidade as nosas accións posteriores no que se refire a gustos e, sobre todo a compras, que é o que lle interesa ao capital.

Cada día que pasa, cando nas redes me ofrecen tratamentos para a dor de costas, ou me recomendan a lectura dun libro, penso que si, que Constantiño ten razón e os algoritmos (en plural) son, se non a ideoloxía do noso tempo, si, cando menos, armas efectivas para perpetuar o capitalismo.