Opinión

#Galifornia

Garabateei estas liñas o pasado sábado, antes de que Galicia se convertese nunha inmensa pira. Máis alá da tráxica anécdota, xa que logo, interésame a categoría dun artigo que podería ser escrito calquera mañá, de calquera día dos últimos outonos. De cando a memoria da chuvia se tornou en saudade.

Levamos tempo mostrando con fachenda esta transmutación do Atlántico en Mediterráneo, acuñando esta nova Galifornia, cuxo clima vingaba, por fin, unha xeografía que sempre sobrelevamos como un pecado. A globalización ao fin e ao cabo era isto, a uniformización do ocio no que, por fin, apareciamos desacomplexados. Orgullosos do noso. Haberá pracer maior que caña, sol e praia? E nós estabamos aquí para contalo.

Galicia pasaba a ser harmonicamente diferente e o litoral exhibía o músculo desta sociedade rural minguante. Todos somos parte do problema, cómpre agora selo das solucións. Os primeiros os que aceptamos, algo indignados, un moito compracentes o deterioro das nosas aldeas, cicatrizadas por tanto asfalto, a miúdo gratuíto (é un falar). Convertidos en grandes vías de auto-incomunicación, o agro xa só se sostén pola vontade dos nosos maiores, que tirarán do carro ata que isto se converta no ermo que empezamos a intuír horrorizados. Comezamos a chorar como os nenos que fomos o que non estamos a defender como adultos.

Cómpre mudar as nosas prioridades e hábitos culturais e pensar no modelo de país que queremos. Quen isto escribe aínda soña en mil outonos máis para Galicia, construídos pinga a pinga.

Comentarios