Opinión

Ata cando tanto desleixo da Xunta?

Somos un país que mantivo viva a súa forma de expresión musical particular, grazas aos nosos maiores, que foron quen de non deixarse levar polos tempos que viviron, e mantiveron e adaptaron aos tempos as músicas, as cantigas, os bailes, os instrumentos, e o máis importante, pareceulles que debían transmitilo aos novos para non cortar a cadea da oralidade da que eles aprenderan de nenos, e non só para que os novos seguisen tocando, cantando e bailando, senón tamén para que estes o seguisen transmitindo aos que veñan despois, co agarimo que eles o recibiron e co orgullo de ser un dos nosos tesouros máis prezados, e non polo seu valor material ou económico, senón porque nos dá a liberdade de sermos nós, aínda a pesar de toda a ridiculización e minusvaloración que sufriu ao longo dos tempos.  

A música tradicional ten unha función simbólica na construción da identidade nacional, e unha parte do pobo galego así o percibe. De feito moito do inmenso repertorio, xeito de tocar, bailar... foron recompilados por xente do común, con medios propios e precarios, durante a segunda metade do século XX co afán de que iso non se perderá canda o xeito de vida da aldea que estaba esmorecendo,  e fósemos quen de seguir a manter viva esa nosa xenuína forma de expresión cultural.

Na Galiza mantívose viva a expresión musical particular, grazas aos nosos maiores, que foron quen de non deixarse levar polos tempos que viviron, e mantiveron e adaptaron aos momentos as músicas, as cantigas, os bailes e tamén os instrumentos

Na actualidade somos unha das nacións da Europa que ten unha música e baile tradicionais máis vivas e adaptadas á sociedade actual, probablemente sexa produto da semente que inzou en toda a Galiza no asociacionismo cultural de base nos anos 80 e 90 do pasado século, onde non houbo recullo que non tivese unha escola de baile ou música tradicional. Quen cumpre ese labor de transmisión e ensino son as escolas que hai no país, a maior parte delas ligadas a unha asociación cultural. 

Todo isto acontece sen que a Xunta, con competencia exclusiva, teña a máis mínima sensibilidade por esta cuestión, os recursos que se empregan á investigación etnomusicolóxica son mínimos, por non dicir inexistentes. Para o asociacionismo de base dan risa, de feito non tiveron  axudas por mor da Covid-19, pois só puideron optar a axudas as asociacións que contan con asalariados, para actuacións de grupos de baile e música tradicional, pódese revisar toda a programación do Xacobeo 21 e veremos que é ridículo o gasto en música tradicional.  Xa non digamos a negativa da Xunta a implantar os estudos de gaita nos conservatorios das cidades da Coruña, Santiago e Pontevedra, que non ofertan esta especialidade.

Noutros países europeos hai exemplos, como Francia ou Portugal, por citar dous Estados veciños, que contan cos escolas de etnografía de moi longa tradición, xestionadas dende a universidade e fundacións públicas que poñen de manifesto a importancia que ten a cultura musical para os seus pobos, e teñen un tratamento específico, con orzamento para que esta riqueza cultural se manteña nestes tempos de aculturación.

Somos unha das nacións da Europa que ten unha música e baile tradicionais máis vivos

Pero non hai que ir tan lonxe, en Andalucía no seu estatuto de autonomía, recentemente reformado, no artigo 68.1 recoñécese que entre as súas competencias exclusivas atópase a de coñecemento, conservación, investigación, formación, promoción e difusión do flamenco como elemento singular do patrimonio cultural andaluz. E para cumprir ese artigo do estatuto, crearon o Instituto Andaluz do Flamenco no ano 2005,  que entre outras función ten a de difusión do importante legado bibliográfico e documental, o achegamento ás nenas e nenos a través da formación regrada o respaldo ao importante sector asociativo do flamenco e a posta en valor nos circuítos escénicos nacionais e internacionais.

E supoño que ninguén terá dúbida ningunha de que o flamenco é o folclore na península que menos risco ten de desaparecer. Na Galiza temos unha grande obra colectiva, a música e o baile tradicionais, fomos quen de facelo sen axuda da administración, emana do propio pobo, por iso ademais de grande é forte, e ten unas posibilidades infinitas de difusión internacional, temos que darlle solución ao desleixo da Xunta. Non se pode tolerar ese desprezo continuado.

Comentarios