Opinión

Intervención pública ou desertización produtiva

O devalar industrial, que se traduce nunha brutal desertización da nosa base produtiva, é a principal ameaza e obstáculo para atinxirmos unha recuperación galega e socialmente xusta (a nivel económico, social e laboral) do actual contexto de agravamento da crise.

Arestora, na cidade e comarca de Vigo inda non se recuperou o nivel de emprego industrial anterior á pandemia, e ficamos inda a moita distancia de poder recuperar os niveis de ocupación anteriores a 2009. Só na cidade de Vigo hai 5.400 empregos industriais menos que hai trece anos. Máis da metade de todo o emprego destruído.

Un sector estratéxico e fundamental para o desenvolvemento da bisbarra viguesa, e un dos máis potentes tractores da industria galega, como é a construción e a reparación naval, está nun punto morto. Unha actividade que antes xeraba 10 mil empregos, agora non atinxe os dous millares. Cos dous principais estaleiros da Ría de Vigo, os antigos Barreras e Vulcano, nunha situación de parálise e con grandes incertezas sobre o seu futuro, e coa industria auxiliar esmagada e asfixiada.

A isto engádense as dificultades que pairan sobre a automoción, o outro eixo imprescindíbel sob o que pivota a potencia produtiva da área de Vigo. Aos retos derivados da crise global da industria do automóbil, por causa do cambio de vector enerxético, súmase como factor acelerante e agravante a deliberada inacción da Xunta de Galiza, do Partido Popular e do Goberno español, en mans do PSOE e de Unidas Podemos. O risco de deslocalización xa se está a traducir no feito de que desde 2008 non se instalase ningunha nova factoría do sector na comarca de Vigo, mentres se puñan en marcha fábricas do outro lado da raia e empresas como Stellantis aumentan substancialmente os seus investimentos noutros centros. Aliás, as máis de 15 mil persoas que na area de Vigo traballan na automoción seguen padecendo, con especial dureza no caso da factoría principal, dunha brutal precarización das condicións laborais e salariais.

Con este pano de fondo, faise máis evidente do que nunca a necesidade dunha decidida intervención pública que permita desenvolver desde a sustentabilidade as inxentes potencialidades de Vigo para volver ser un potente motor industrial de Galiza. Blindando o futuro do naval e mais a automoción, pero apostando tamén con decisión na innovación no ámbito da tecnoloxía e das comunicacións, para garantir o emprego con condicións laborais e salarios dignos. Para crear oportunidades que poña fin á expulsión forzosa de millares de mozas e mozos á emigración. E para asentar un modelo de desenvolvemento económico de Vigo que fuxa de terciarización que a golpe de monocultivo de luces de nadal ou do Xacobeo se quere impoñer, substituíndo unha sólida base industrial (imprescindíbel para un desenvolvemento autocentrado) pola volatilidade do sector servizos.

Fronte a esa certeza a resposta de Xunta e de Goberno español é simétrica. Ambos os dous executivos, rexeitan de maneira obscena a posta en marcha dun Plan de reactivación económica e produtiva para a comarca de Vigo, como demandou o BNG na tramitación dos orzamentos da Xunta e do Estado. Néganse a facer realidade un Centro de Reparacións Navais que dote de estabilidade a carga de traballo dos estaleiros de Vigo. E teiman en non crear unha Mesa Galega da Automoción, como instrumento para a posta en marcha un plan estratéxico para o sector.

Entrementres, uns e outros, utilizan a crise industrial apenas como arma arreboladiza na permanente confrontación partidista, como vén de evidenciarse en relación ao PERTE da automoción. En troca de actuaren para evitar a exclusión de Vigo e de Galiza deste financiamento extraordinario, xogan sen disimulo no canto peor mellor. Todo demagoxia e escenificación. Reducindo a cuestión a unha mera transferencia de recursos públicos, en lugar de concibir esas axudas como un instrumento para unha intervención positiva desde o público que, desde o estrito control, garanta que o seu uso se destina a protexer e promover o emprego, a desenvolver a capacidade produtiva do País e a mellorar as condicións laborais.

Comentarios