Opinión

A xeración Nós: por eles eu son eu

Teño que empezar a miña colaboración periódica con Nós Diario falando de Nós, revista e xeración que lle dá o acertado nome. Se estou convencido de que por eles -por aquela xeración creativa, de categoría intelectual excepcional e xenerosidade sen límites a prol de Galiza- tamén nós somos nós, desde logo, sei que por eles eu tamén son eu; un home que desde hai décadas quere estar comprometido coa terra e a fala na que medrou, a pesar de ter nado en terras leonesas e ter o castelán como lingua materna.

Como ten escrito Chao Rego no prólogo do meu primeiro libro A xeración “Nós”. Galeguismo e relixión (Galaxia, 1988): “Hoxe constitúen non só obrigado, senón aínda máis, devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xenerosos”. Desde que souben deles na miña mocidade, Castelao, Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas foron persoeiros moi queridos para min. Sobre todo os dous primeiros convertéronse na referencia fundamental do meu galeguismo e o meu nacionalismo galego. Nos meus anos de estudo, aló polos 70, comprendín e asumín a frase rotunda de Castelao: “Sendo galego non podo menos que ser galeguista”. Deste xeito, sen eles o meu vencello a esta Terra non sería tal; e forman xa parte moi importante da miña historia de compromiso co galego e con Galiza. Un compromiso incomprendido por parte de moitos galegos da base (“Como fala galego sendo de lingua castelá?”) e das elites; sobre todo da Igrexa mal chama “galega”, que ven ser só unha Igrexa “en Galiza”, un enclave alleo á realidade do país.

Do que aprendín con eles saíu aquel primeiro libro -que xa cumpriu os seus 30 anos, e foi o primeiro que se publicou sobre o senlleiro grupo-, e unha parte importante do meu seguinte volume Galegos e cristiáns. “Deus fratresque Gallaeciae” (SEPT-Galaxia, 1995), así como bastantes artigos máis aparecidos en publicacións galegas. E desta xente grande falarei máis nestas paxinas, no ano do centenario da revista, xunto co devir de cada día.

Comentarios