Opinión

Unha Pascua sen festa

Hai moitos anos, os meus alumnos do Instituto de Burela sabían moi ben que para comprender o que era a fe cristiá era fundamental saber que era a Pascua; alén dos ovos de pascua, as monas de pascua e cousas semellantes. Sabían moi ben que a Pascua, como celebración da Resurrección de Cristo, era a clave de bóveda do cristianismo como conxunto de crenzas, do seu Credo e da Igrexa como comunidade organizada dos crentes cristiáns.

Con todo, eles foran aprendendo tamén que a maneira como falan dela os Evanxeos é... como puideron e souberon facer os que os escribiron, e que non podiamos hoxe tomar ao pe da letra os seus marabillosos relatos. O importante era a experiencia de encontro co Resucitado, que superara os límites espazo temporais, pero non por iso é menos real. Unha experiencia de fe persoal e colectiva, máis que obxectiva, e que por iso só atinxiu ao que acreditaron en Xesús Cristo, e non aos outros miles de persoas de Xerusalén e arredores contemporáneos dos últimos sucesos do Profeta galileo.

Por iso, a Pascua foi sempre a celebración por excelencia da Igrexa, que prescribía nun dos seus mandamentos “Comulgar por Pascua florida”, e obrigaba a confesar polo menos na Coresma para “cumprir co preceuto”, como sabía ben a nosa xente.

Pero este ano atípico quedamos sen poder celebrar a Pascua coas nosas comunidades. Houbo que reducir a fermosa celebración a facelo cos da casa, ou a seguir a celebración papal pola televisión. Este feito foi para moitos católicos bastante máis grave que o de quedar sen as procesións de Semana Santa; aínda que para algúns fora iso, e fora o que salientaron os medios de comunicación, habitualmente moi analfabetos a respeito das crenzas relixiosas.

Eu lembraba as celebracións que fixera ano tras anos coas parroquias de tras da Corda, a Mariña e Ferrol. O esforzo por revitalizar as celebracións do Triduo Pascual (Xoves Santo, Venres Santo e Pascua) en cada unha delas como “camiño dos Ramos a Pascua”, viuse gratamente compensado polas experiencias que vivimos nas nosas comunidades. Volveremos facelas.

Comentarios