Opinión

Coca-Cola, un símbolo de opresión

Os amigos que me coñecen, saben que son desde hai décadas un militante anti Coca-Cola. Esta bebida simboliza para moitos de nós a opresión do imperialismo yanki, a globalización que destrúe alternativas á pobreza, o símbolo da explotación dos pobres e o desprezo dos dereitos humanos. “Coca-Cola chupa o sangue dos pobres”, escribía Fredy Kunz nunha favela de Rio de Janeiro, nun libro que supuxo para min unha conversión (La burra de Balaam, 1973). Por iso, arremedando o seu coñecido slogan, teño dito que o seu lema debería ser: “A chispa da morte”; aós deberia ser para calquera persoa de ben, sobre todo se é progresista e cre noutro mundo posible.

Coca-Cola gasta en publicidade manipuladora mais cartos que na elaboración da bebida. O gordo Papá Noel –obra dun deseñador que lle puxo a Santa Klaus as cores da empresa– é o símbolo do Nadal consumista, nacido para poñerse na porta dos supermercados.

Hai xa quince anos lia as rotundas declaracións dun sindicalista colombiano (Luis Eduardo García, líder de Sinaltrainal, que traballou 25 anos para a empresa e sufriu cárcere polo seu traballo sindical): “Coca-Cola é a primeira empresa en represión e explotación do movemento obreiro. É a empresa modelo da globalización e unha das empresas modelo da superexplotación”. Anos despois ainda podemos ler na rede denuncias contra a compañía e a implicación nos asasinatos de lideres sindicalistas.

E hai uns dias lía que Coca-Cola é a marca que máis contamina o planeta cos seus plásticos desde hai anos: arredor de 300.000 botellas de plástico saen cada hora da súa fábrica en Austria, que se suman a outros millóns delas producidos no resto do mundo. Moitas rematarán espalladas pola terra, ou nos oceanos poñendo en perigo tartarugas, baleas e outros peixes e aves.

Celso Emilio Ferreiro escribiu hai moitos anos a “Crónica da Coca-Cola”: “O American Way o Drink foi exportado/ a quinientos países soberás/ en cen millóns de botellas cada día/ que implican cen millóns de mensaxes do sistema de vida que USA usa”, sistema de opresión. Pero fixéronlle pouco caso; coma a min.

Comentarios