domingo 24.05.2020

Carvalho Calero poeta da transcendencia

A meirande parte da xente coñece a Carvalho Calero pola súa Historia da Literatura Galega, mais el sentiuse fundamentalmente poeta. “Creio, desde logo –dicía en Conversas en Compostela con Carballo Calero–… que, efectivamente, o máis íntimo da miña personalidade está reflexado na poesía”. Vinte e cinco anos antes, en Salterio de Fingoi (1961), xa escribía: “Poeta es, pois dache nojo todo / agás a poesía”.

Se pouca xente saboreou a riqueza da creación poética de don Ricardo, moita menos catou a dimensión espiritual da súa poesía; dimensión ausente –salvo honrosas excepcións– nos estudos, libros e publicacións colectivas sobre o gran poeta noso. El mesmo, que se dicía herdeiro de dous poetas metafísicos e relixiosos como Rosalía e Díaz Castro, ten dito que, aínda que é poeta de moitos rexistros, o filosófico-relixioso é o primeiro e máis importante. “Creio que a poesía de Rosalía e a miña propia poesía nacen da mesma necesidade espiritual” (C. Blanco, Conversas con Carballo Calero). Máis aínda, para el “a poesia é unha maneira de expresar a transcendéncia” (Conversas en Compostela).

A dimensión relixiosa da poesía do ferrolán aparece en poemas de Salterio de Fingoi, pero atopámola sobre todo no seu libro máis maduro: Reticencias... (1990): “Cando o finito alcança a conhecer a infinitude, nela só repousa. Quem a Deus viu, chegar a sê-lo ousa. Na plenitude cristaliza o ser” (I, 25). Aínda que Carvalho só escribira estes versos, farían del un poeta achegado á mística. A arela de tódolos místicos é o desexo de plenitude, de chegar á unión íntima con Deus / o Misterio (unión mística); unha unión non-dual entre o finito e o Infinito, como manifesta o poeta. É o coñecemento pleno, a iluminación, chegar a ser un co Un. É –coa linguaxe cristiá– “voltar á casa paterna”; ao remate do poema di: “Além de nós lateja o nosso lar”.

Do mesmo xeito, outro poema do mesmo libro: “[A persoa] vive morrendo por ser máis que home. Nel só, o finito ao infinito tende. (...) [A criatura] vislumbre de infinito á semelhança [do seu criador], a identidade anseia” (I 27). “Ser máis que”, “tender ao infinito”, á unión co Misterio, eis o máis fondo devezo relixioso-espiritual.

comentarios