Opinión

Carvalho Calero e “Nós”

Na véspera do semifrustrado Día das Letras 2020, que ten o protagonismo de Carvalho Calero e a xeración “Nós”, cómpreme dicir unhas verbas sobre a súa íntima relación. O confinamento quitoulles a ambos a relevancia social que merecían, aínda que a comunicación virtual e o papel impreso palíen un chisco esta eiva.

A relación de Don Ricardo coa xeración Nós é ben coñecida para quen teña algo de interese pola cultura galega. Unha relación directa, pois foi o primeiro en escribir sobre ela e tratou a tódolos seus persoeiros, aínda que a súa é a xeración seguinte: “A cultura galega contemporánea é un producto de dúas xeracións –di–: a xeración de Risco e a dos nados no primeiro canto do século XX”; a segunda é “a miña xeración”. Nós é “o segundo renacimento galego”, “un momento fundamental na historia da cultura galega”. Carvalho chámaa “a xeneración de Risco”. Di Carvalho todo isto nun artigo pioneiro titulado precisamente “A xeneración de Risco” (Nós 131-132, 1934). E abonda alí no dereito de seres chamada así: “O dreito de Risco ao consulado epónimo soamente poderá negalo a envexa... É o filósofo da xeración, o máis consciente dos seus membros. Unha especie de segredario xeral espritoal do seu grupo”. Poderíase pensar que Carvalho Calero lle quitaría este nome despois da evolución do Risco posgaleguista, pero cando volve escribir del cincuenta anos despois, e vinte após a súa morte (1963), di que “Risco foi... o mestre, en certo jeito o síndico, o abandeirado”; aínda que non esqueza que este abandeirado “arriou a bandeira” (“Risco na literatura galega”, La Voz de Galicia, 27/9/1984). Estou con Carvalho en que o mellor Risco é o galeguista; pero non esquezo que o posgaleguista escribiu obras salientables como a novela La puerta de paja (1963) e o ensaio xenial Orden y caos (1968).

Sen dúbida, o mellor que Calero escribiu sobre grupo “Nós” foi o longo capítulo que lle dedicou na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963), un fito fundamental e inaugural para comprender esta xeración; pero unha obra que, infelizmente, non se volveu editar desde hai corenta anos. Volveremos sobre esta xeración o noso ferrolán.

Comentarios